Amplo seguimento da folga convocada contra o ERE extintivo presentado en DIA

Pecharon multitude de tendas e o traballo no almacén foi inviable
Publicado por o día 08/03/2019 na sección de CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo

Amplo seguimento da folga convocada contra o ERE extintivo presentado en DIA

Este mércores celebrábase o segundo día de folga en DIA logo de que a empresa anunciara un ERE extintivo que atinxirá a 2.100 traballadoras e traballadores. Un ERE sobre o que o persoal non ten máis información que a que sae na prensa, segundo denunciou Carmiña Naveiro, representante da CIG-Servizos, quen advertiu de que, detrás disto, “o que se agocha é a pretensión de DIA de acometer unha restruturación a custo cero para eles”.

Ás 9:00 horas concentrábanse as traballadoras e traballadores do almacén e dalgunhas tendas diante do almacén que DIA ten en MERCAGALICIA, no polígono do Tambre, en Santiago e a partir de aí espalláronse polas tendas da cadea, moitas delas pechadas da comarca. Os piquetes e concentracións repetíronse en múltiples cidades e vilas do país.

Angel Casas, delegado do comité de DIA en representación da CIG, confirmaba un seguimento de practicamente o 100% no almacén e manifestaba, xusto antes de saír o piquete cara as tendas, o “orgullo por todos os compañeiros e compañeiras que hoxe secundaron a folga por estar todas e todos unidos ante este ERE co que estamos completamente en contra”.

A este respecto sinalou que se trata dun ERE que non ten xustificación algunha e considerou que o que pretende DIA é “facer limpeza a baixo custo para a empresa”. No mesmo sentido se manifestou Diego Tarrío, tamén representante da CIG no comité, quen denunciou que “non hai transparencia neste ERE que pretenden que paguemos os traballadores”.

Tarrío lembrou que en reiteradas ocasións demandaron información para saber non só como pretende a cadea xustificar a necesidade deste ERE, senón tamén a cantas traballadoras e traballadores afectaría en Galiza. “Non nos din nada, só dan largas. Non temos constancia de que estean negociando ou, se o están, sobre que están falando. O sindicato maioritario non informa ás traballadoras e traballadores, nin ao comité, nin a ninguén. Están alargando a negociación até o día 22 que é o que queren”, denunciou.

Rosario Miramontes, traballadora dunha das tendas desta cadea, explicou que as dependentas dos supermercados tampouco teñen información algunha. “Solicitámola desde o primeiro minuto nas reunións, preguntámoslle á Xefa de Recursos Humanos e sempre nos di que non sabe nada e o comité de FETICO tampouco”. Por iso asegura que as traballadoras e traballadores están dispostos a seguir a se mobilizar mentres que non se resolva esta situación e retiren o ERE.

A CIG, con representación na Coruña, Pontevedra e no almacén de Compostela (9 delegados/as) denuncia a súa exclusión da mesa de negociación do ERE extintivo a nivel estatal. Como sindicato máis representativo do país solicitou poder participar na mesa, pero “denegáronos ese dereito por non ter unha maior representación”.

Ante esta negativa, a central sindical púxose en contacto con ELA, LAB e OSTA “e sumamos a representación de todas para poder participar na negociación, recibindo tamén unha negativa por parte de CCOO, UGT e FETICO, que curiosamente utilizaron o mesmo escrito nas súas comunicacións”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.