Amplo seguimento dos paros contra os despidos en Dia

No almacén de Santiago secundou o 90% do cadro de persoal, e pecharon tendas en Vigo e Pontevedra
Publicado por o día 01/03/2019 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

Amplo seguimento dos paros contra os despidos en Dia

Os paros de dúas horas convocadas hoxe pola CIG no Grupo Dia Twins para rexeitar o despedimento de 2100 traballadoras/es no conxunto do Estado tiveron un amplo seguimento en Galiza. A medida de presión, que se desenvolveu de 13:00 a 15:00 horas e incluíu concentracións ás portas dos establecementos, foi secundada polo 90% do persoal do almacén de Santiago e provocou o peche de tendas en Vigo e Pontevedra, mentres que no resto do país tivo un seguimento desigual.

Ante o éxito da convocatoria a central decidiu levar a cabo unha nova mobilización o vindeiro mércores 6 de marzo, aínda que nesta ocasión será unha xornada de folga de 24 horas en todo o país. No día de hoxe, coincidindo cos paros, delegadas/os e traballadoras/es aproveitaron para desenvolver concentracións diante das tendas.En Santiago percorreron en manifestación parte do polígono do Tambre, onde se atopa a plataforma de distribución.

Dende a CIG seguen a denunciar a súa exclusión da mesa de negociación do ERE extintivo a nivel estatal, cuxo impacto en Galiza aínda non se coñece. A central ten representación na Coruña, en Pontevedra e no almacén de Compostela, cun total de 9 delegadas/os, pero como sindicato máis representativo do país solicitou poder participar na mesa, “negándonos ese dereito por non ter unha maior representación”. No Estado hai un total de 641 delegadas/os, porque están representadas todas as provincias.

Ante o éxito dos paros, a CIG-Servizos decidiu convocar unha xornda de folga de 24 horas o 6 de marzo

Ante a negativa da mesa, a CIG púxose en contacto coas centrais sindicais ELA, LAB e OSTA “e sumamos a representación de todas para poder participar na negociación, recibindo tamén unha negativa por parte de CCOO, UGT e FETICO, que curiosamente utilizaron o mesmo escrito nas súas comunicacións”, critican.