An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra o “O Home de Negro”

O galardón, que convoca a Fundación Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entregarase en Gres o vindeiro 3 de novembro Escoitar
Por o 30/10/2017 | Sección: Cultura
An Alfaya faise co premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa obra o “O Home de Negro”

A coñecida escritora viguesa An Alfaya (Mª Ángeles Alfaya Bernárdez) fíxose, por unanimidade do xurado, coa segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O galardón, dotado con 1000 euros e coa publicación da novela, entregarase o vindeiro venres, 3 de novembro, na sede da Fundación, en Gres, na casa natal do recordado escritor, coincidindo co 89º aniversario do nacemento do autor crucense.

O xurado, integrado por Luís Reimóndez, presidente da  Fundación Xosé Neira Vilas; Rosalía Morlán, Fernado Redondo e Juan Andrés Fernández, membros do padroado da devandita fundación; e polo crítico literario Armando Requeixo, destacou a gran calidade da decena de traballos presentados a concurso e, nomeadamente da peza gañadora “a capacidade para tecer unha historia con fortes dose de intriga e unha notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal. Autorreflexiva, metaliteraria e ben suxestiva, esta obra recolle o herdo pirandelliano e unamuniano para actualizalo e ofrecer unha atractiva nivola do século XXI”.

Obra da premiada

An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha obra literaria extensa dirixida tanto a lectores e lectoras infanto-xuvenís como a persoas adultas. Publicou as novelas A recortada (Xerais, 1999), Desventura (2003), Matei un home (2005), A sombra descalza (Xerais, 2006), Illa Soidade (Xerais, 2007), Area quente (2009), Vía secundaria (Xerais, 2011) e Muros de aire (Xerais, 2015). Dentro da súa obra dirixida ao público infantil publicou, entre outras, a peza teatral O maquinista Antón (1995, 2009) e os relatos O caderno azul (1996), ¡Sireno, Sireno!A buguina namorada (2003), A encontadora (2003), Os seres con raíces na cara (Galaxia, 2007), Vacas na cidade? (Galaxia, 2007),   O aroma do liquidámbar (2012) ou O fío vermello (2014).

Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos literarios como son o Premio Lazarillo 2005, o Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, o Premio White Ravens 2007, o Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007, o Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2007, o Premio Lueiro Rey 2009, o Premio San Clemente 2010 ou o Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2010, así como o accésit deste mesmo premio en 2003 ou a Lista de Honra IBBY 2008.