O Auditorio de Cangas acolleu esta mañá de domingo o acto de presentación de Ana Belén Martín como candidata á alcaldía da vila do Morrazo, quen asegurou presentarse “con un proxecto para construír Cangas, empezando hoxe coa vista posta no futuro”. Ante máis dun cento de persoas, e acompañada por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, David Regades, secretario xeral provincial, e Gonzalo Caballero, líder dos socialistas galegos, Martín defendeu a necesidade dun programa “con visión de futuro, un proxecto deseñado ata 2030 para construír o Cangas que queremos”.
“Cando vos miro vexo amigas e amigos, quero devolvervos o cariño que me destes cando me acollestes en Cangas”, afirmou a candidata á alcaldía entre os aplausos do público. Martín, que leva instalada en Cangas 16 anos, asumiu o reto de presentarse “porque sinto que teño unha débeda con esta vila” e “e desde a convicción que aportan as ideas socialistas”.
A construción dun novo centro de saúdo foi outro dos temas que centraron o discurso de Martín. “Precisamos outro centro de saúdo, pero que non vaia
en detrimento do que xa temos”, defendeu a socialista. “Somos case 17.000 habitantes en Cangas, os dous centros son necesario, e imos loitar por ilo”.
Pola súa banda, Carmela Silva apuntou á preparación de Martín. “Ten todas as características para ser unha boa servidora pública”, defendeu a presidenta da Deputación, que se mostrou orgullosa de que “o 44% das candidaturas socialistas na provincia estean encabezadas por mulleres”.
“Hai moito que facer en Cangas, que é o corazón do Morrazo, e ten que haber mulleres coma Ana á fronte porque entendemos moi ben as necesidades dun concello, sabemos moito de Urbanismo, de economía e estamos moi ben formadas”, sinalou Silva durante a súa intervención.
A presidenta tamén fixo gala da súa xestión á fronte da Deputación de Pontevedra, asegurando que nestes últimos catro anos “fixemos o maior investimento feito nunca en Cangas por esta administración”. “Non hai obra, saneamento ou infraestrutura que non leve o selo da Deputación”, sentenciou.
No acto tamén interveu David Regades, secretario xeral provincial, que fixo un chamamento á mobilización da cidadanía. “É fundamental que sexamos capaces de transmitir o importante que é ir a votar”, afirmou Regades. “De nada sirve queixarse ao día seguinte se goberna a dereita, os resultados conséguense nas urnas”, sinalou lembrando o acontecido en Andalucía.
O máximo dirixente provincial fixo un repaso ás políticas levadas a cabo durante os últimos meses polo goberno de Pedro Sánchez, así como aos compromisos adquiridos. “Imos conseguir que se dignifiquen as pensión, que suban todos os anos o IPC”, apuntou, “así como conseguimos que se subise o SMI, por moito que a dereita dixese que non se podía”.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero recuncou no chamamento á mobilización, apelando a un modelo da dereita “que non nos podemos permitir”. “Cada voto é necesario para avanzar no modelo social que
representa o socialismo”, asegurou o secretario xeral do PSdeG, asegurando que estas eleccións xerais e municipais serán o primeiro paso para a derrota de Feijóo.
Fotos da presentación
Noticias de última hora en Vigo