Ana Miranda acada da Unión Europea o compromiso de estudar un acordo equitativo para a pesca galega

Coa intervención de hoxe no Parlamento Europeo xa son tres as veces que o BNG amosa a súa preocupación polo futuro dun sector fundamental na economía galega
Por o 13/03/2018 | Sección: BNG,Política
Ana Miranda acada da Unión Europea o compromiso de estudar un acordo equitativo para a pesca galega

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, interveu esta mañá na sesión plenaria do Parlamento Europeo para preguntar polo impacto que terá o Brexit na pesca galega e nas persoas galegas residentes no Reino Unido. Ao respecto, o xefe das negociacións da Comisión Europea co Reino Unido, Michel Barnier comprometeuse a estudar un acordo equitativo para Galiza.

“Señor Barnier, vostede coñece perfectamente a política de pesca e de cohesión, polo que pregunto se a Comisión Europea realizou un estudo de impacto sobre a pesca europea, como lle pedimos hai un ano, sobre todo para Galiza?”, manifestou Ana Miranda, quen lembrou que Galiza verase moi afectada polo impacto do Brexit.

Asemade expresou a súa preocupación pola libre circulación das persoas, debido ao fluxo de mozos e mozas galegas ao Reino Unido “e non sabemos que situación terán como cidadáns europeos”, que nestes momentos ascenden a máis de 40.000 persoas, entre traballadores e traballadoras e estudantes.

Na súa resposta, o máximo negociador da Comisión Europea co Reino Unido defendeu que a cidadanía británica “elixiu de forma soberana abandonar a Unión Europea”, pero que a situación dos cidadáns e cidadás é unha prioridade. “Até o momento da ratificación do acordo de retirada velaremos polas garantías que obtivemos no informe conxunto do mes de decembro e sobre a aplicación efectiva do conxunto de dereitos”, asegurou.

Por outro lado, e no tocante á cuestión pesqueira formulada por Miranda, Barnier subliñou que “hai que buscar un acordo equilibrado” para todas as partes, incluíndo por suposto Galiza.

Preguntas previas

A pregunta formulada hoxe por Ana Miranda da continuidade á preocupación do BNG sobre as consecuencias do Brexit sobre o sector pesqueiro galego expresada no 2016 en forma de iniciativa parlamentaria dirixida á Comisión Europea na que precisamente se pedía a realización dun estudo que avalíe o impacto da saída do RU sobre a pesca galega.

Xa no 2017, o Bloque formulou outra pregunta ao respecto, á que o presidente Juncker explicou que a Comisión Europea é totalmente consciente das posibles consecuencias del Brexit no sector. “Porén, nesta fase inicial das negociacións, é precipitado especular acerca de temas concretos”, engadiu.

“Sexa cal sexa a decisión final que se adopte sobre as negociacións entre Reino Unido e a UE, o sector pesqueiro galego debe ser tratado en condicións de igualdade”, subliñou a eurodeputada nacionalista.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.