O BNG mantivo onte á tarde un encontro coa Xunta directiva do Colexio Profesional de Avogados de Vigo. Nel participaron a candidata número 2, Ana Miranda, a ex deputada nacionalista Olaia Fdez. Davila e máis o responsábel local do Bloque, Serafín Otero.
Na xuntanza abordáronse cuestións como o acceso á xustiza gratuíta, a reforma exprés da xustiza imposta polo Partido Popular, a necesidade do Pacto pola Xustiza ou asuntos de enorme importancia como o aumento dos orzamentos para Vigo. “As dotacións xudiciais da cidade precisan dun aumento significativo dos recursos públicos que se lle destinan” defendeu Miranda, aludindo ademais á necesidade de consignar partidas orzamentarias que permitan que a “mil veces prometida Cidade da Xustiza, deixe de ser un anuncio para se facer realidade”.
A candidata nacionalista transmitiulle aos representantes da avogacía olívica que o BNG exixirá “que se facilite o acceso á xustiza gratuíta” e defenderán que continúe a ser un “servizo público” fronte a ameaza privatizadora do PP, recollendo desta maneira as demandas que trasladou o propio Colexio.
No encontro tamén se abordaron o impacto que pode ter o TTIP en relación á xustiza e a liberalización de servizos. As avogadas e avogados manifestaron estar a seguir con moita atención a un tratado que xulgan pode ser moi lesivo para cuestións como a xustiza gratuíta, e ao que o BNG se opón.
Noticias de última hora en Vigo