Ana Miranda considera un “grave erro” que na Comisión non exista unha carteira específica de Pesca

O Bloque considera que o sector pesqueiro ten un valor incuestionable para Galiza
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de BNG,Política

Ana Miranda considera un “grave erro” que na Comisión non exista unha carteira específica de Pesca

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera que a proposta da recén nomeada presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na que non existe unha carteira específica de Pesca, é un “grave erro” que pode afectar de forma considerable á importancia dos asuntos pesqueiros en Europa e especialmente para o sector galego.

“Que non exista unha carteira específica de Pesca, senón relacionada unicamente coa cuestión dos océanos pode diluír o peso específico da pesca e o seu valor social”, critica Miranda, quen sinala que até agora, nos anos de existencia da Comisión sempre houbo un Comisario ou Comisaria de Pesca. “Levamos anos vendo como se están deixando en segundo plano a pesca e os asuntos marítimos, ao mesturarse con outra competencia”, explica.

Neste sentido indica que nun primeiro momento a Comisión de Pesca tiña competencias propias mentres que posteriormente esas competencias se foron diluíndo coas de medio ambiente, “pero que agora se dilúa no termo “océanos” da conta da perda de entidade e o risco de que non existan competencias específicas”, engade.

A portavoz do BNG en Europa defende que a pesca ten un “valor incuestionable” para o noso país e o desenvolvemento do seu sector produtivo, económico e medio ambiental. “Lamentamos que para a Comisión a pesca non sexa prioritaria e que para o goberno español tampouco fose unha prioridade pedir esta carteira a cambio de que Borrell sexa o Alto Representante para Política Exterior”, indica ao respecto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.