Ana Miranda: “Dende o Parlamento Europeo fomentaremos medidas de apoio ao comercio e aos produtos locais”

A eurodeputada nacionalista considera que apoiar o pequeno comercio é indispensable fixar a poboación nos barrios
Por o 21/05/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
Ana Miranda: “Dende o Parlamento Europeo fomentaremos medidas de apoio ao comercio e aos produtos locais”

A eurodeputada e candidata do BNG ás eleccións europeas do 26 de maio, Ana Miranda, defendeu hoxe en Vigo a necesidade de apoiar e potenciar o comercio local como eixo fundamental de vertebración das cidades e das vilas galegas. Así, no transcurso dunha visita ao mercado do Progreso xunto ao candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas e outras persoas integrantes da candidatura do Bloque vigués, comprometeuse a fomentar medidas nesta liña como un dos eixos de traballo no Parlamento Europeo na vindeira lexislatura, xa que así o permiten os fondos europeos.

Ana Miranda considerou que a falta de apoio ao comercio local é unha constante das localidades galegas, agás “as illas contadas nas que goberna o BNG”, nas que si se está apoiando decididamente. “A idea que se está fomentando dende Vigo é moito escaparate pero pouca implementación nos barrios, que son os que tecen o país”, destacou, xa que ao seu xuízo o comercio local é o que contribúe a fixar poboación.

Baixada da taxa do lixo para que sexa proporcional ao gasto e pago da auga proporcional ao consumo son algunhas das queixas transmitidas polos pequenos comerciantes á eurodeputada nacionalista precisamente no barrio de Bouzas. “Dende o BNG, no Parlamento Europeo apoiamos o etiquetado que marque a orixe e a calidade dos produtos, así como o fomento dos produtos locais”, engadiu. “Non é normal que nas cadeas das grandes distribucións non haxa produtos galegos e que nos pequenos estabelecementos tampouco os haxa porque o custe para eles é excesivo”, sinalou.

A eurodeputada do Bloque explicou que as principais medidas postas en marcha no Parlamento Europeo ao respecto, en concreto na Comisión de Medio Ambiente, Saúde e Consumo, refírense a que os fondos europeos para innovación se destinaran ao comercio local “e non que se aproveiten as grandes superficies”. Trátase dun “elemento decisivo na competitividade” do pequeno comercio.

Transporte

Ana Miranda salientou que, sendo ela a única eurodeputada e candidata viguesa, as problemáticas de Vigo están sempre presentes, desde o chamamento para que o Porto fose considerado como principal na rede transeuropea de transporte –e superando así a discriminación da cidade-, a creación da Axencia Europea dos Océanos e a conexión da cidade con Portugal.

“Vigo podería ser un gran eixo da Eurorrexión se se fomentase o tren”, apuntou ao respecto, creando unha comunidade máis aberta que superase “as dificultades que temos no transporte”, coa modernización da liña ferroviaria entre Vigo e Porto e poñendo en marcha o tren de cercanías. Ao respecto, Ana Miranda considera que a mellora do transporte é outra das ferramentas imprescindibles, xunto ao apoio ao pequeno comercio, para acadar a vertebración do territorio e a fixación da poboación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.