Ana Miranda: “O escano do BNG no Parlamento Europeo é o escano de Galiza en Europa”

Tras a toma de posesión do seu escano, a eurodeputada do Bloque avanzou que traballará “sen descanso” para que Galiza non sexa discriminada no reparto dos fondos de cohesión
Publicado por o día 28/02/2018 na sección de BNG,Política

Ana Miranda: “O escano do BNG no Parlamento Europeo é o escano de Galiza en Europa”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tomou hoxe posesión do seu escano no Parlamento Europeo, nun pleno celebrado en Beuxelas, que permitirá ao Bloque continuar o traballo en defensa do país pero pisando o acelerador con máis intensidade e con máis potencia, “sabendo que vai ser o útil o noso traballo”. E neste sentido Ana Miranda afirmou que o escano do BNG no Parlamento europeo “é o escano de Galiza en Europa”.

“É un día moi especial para agradecer a todas as votantes que no 2014 nos apoiaron, quero que saiban que non van quedar defraudados. Quero que sintan que este escano será a representación do seu país na Eurocámara”, subliñou Ana Miranda tras a sesión plenaria, quen asegurou que se deixará “a pel e o cerebro” traballando por Galiza, “con moita ilusión e sobre todo en beneficio das galegas e os galegos”.

Fixo fincapé en que desde o seu escano traballará “para evitar que Galiza quede discriminada nas negociacións dos fondos estruturais”. Ao respecto, explicou que unha das prioridades do Bloque radica en traballar para que Galiza non saia perdendo no reparto futuro dos fondos de cohesión, dos que mesmo podería quedar excluía cos criterios que baralla a Comisión Europea para o período orzamentario 2020-2027.

“Asumo este escano co firme obxectivo de defender os intereses de Galiza e evitar que sexa moeda de cambio”, avanzou a eurodeputada nacionalista, quen asemade sinalou que

o escano do Bloque terá un “marcado carácter social” desde o que denunciará a precariedade laboral, o recorte de servizos públicos, da sanidade, ou a reforma das pensións, que en Galiza son as segundas máis baixas do Estado.

No Estado Español o gasto en pensións con respecto ao PIB é do 10,7%, mentres que a media da UE ascende aos 12,2%, case dous puntos máis que a do Estado. Isto indica que o esforzo medio na Unión Europea para manter o sistema de pensións é maior que o do Estado Español, polo que o Estado ten marxe para incrementar o seu esforzo no mantemento do sistema.

Defensa dos servizos públicos e as liberdades

Así mesmo, para a eurodeputada do Bloque cómpre presentar iniciativas centradas na defensa dos servizos públicos e do emprego, posto que “a recuperación económica da que fala o Partido Popular é unha mentira, xa que non trae aparellada a recuperación social senón a pobreza nas traballadoras e traballadores”, criticou.

Outro dos aspectos fundamentais aos que fixo referencia Miranda foi a defensa dos dereitos e a denuncia do recorte das liberdades no Estado español. O  BNG xa presentou no Parlamento Europeo no pasado mes de novembro a petición para ilegalizar a Fundación Francisco Franco por apoloxía del fascismo e retirarlle a xestión do pazo de Meirás.

Ademais das cuestións relacionadas coa memoria histórica, ao longo desta lexislatura, Ana Miranda desenvolveu un intenso traballo político en Bruxelas en defensa dos intereses do  país, coa presentación constante de iniciativas a través da representación da coalición, que se verá agora reforzado coa posibilidade de participación directa nos plenarios e nas comisións. Por exemplo, o Bloque xogou un importante papel na batalla ganada para que o sector do xeito non fose incluído na prohibición de redes de arrastre, -dada a súa condición de pesca artesanal-.

Por outro lado, o informe emitido pola Comisión Europea en relación ao accidente do Alvia reclamando do Estado español unha investigación independente da traxedia, foi froito das xestións do BNG quen, acompañando as vítimas, non cesou no empeño de que Bruxelas tomase cartas no asunto para esclarecer a verdade, esixir responsabilidades políticas e resarcir ás vítimas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non puido asistir en Bruxelas a toma de posesión por parte de Ana Miranda, como estaba inicialmente previsto, debido aos retrasos nos voos que debía tomar desde Galiza.