Ana Miranda interésase na Comisión de Pesca pola afectación da captura da sardiña

O Bloque pide se manteña a situación actual de exclusión de prohibición da arte do xeito
Publicado por o día 31/08/2018 na sección de BNG,Política

Ana Miranda interésase na Comisión de Pesca pola afectación da captura da sardiña

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interveu esta tarde na Comisión de Pesca da Eurocámara pola grave situación no cupo da sardiña e para interesarse pola negociación do Regulamento de Medidas Técnicas que está agora a debate, en concreto a respecto da cuestión das redes de enmalle. Miranda defendeu que fique totalmente excluída a arte tradicional do xeito, tal como se acordara en 2015 despois de que o sector galego do xeito se desprazara a Bruxelas, “con rede incluída”, para pedir esta exclusión.

Neste sentido, a eurodeputada manifestou que espera que continúe o status quo que só afectaría ás mallas de máis de 50mm, tal como foi a posición final do Parlamento Europeo para que manteña a petición de excluír a arte de pesca do xeito. Lembrou ademais que debe ser xestionada por Galiza coas competencias propias en materia de pesca en augas interiores como son as Rías.

Ana Miranda sinalou que o principal problema é un “problema político que radica na xestión da cota”, repartida entre o 75% para Portugal e o 25% para Estado español. Este reparto provoca que en Galiza, das 427 embarcacións que se dedican á pesca da sardiña só 130 estean faenando no momento actual, co agravante de que en breve pode pararse a actividade.

Ademais, a eurodeputada nacionalista preguntoulle á Comisión Europea se sabe canto custa o kg de sardiña hoxe en día, e fixo referencia ao seu baixo prezo, que segundo apuntou “non acada nin para os custes que pode ter un barco de pesca artesanal”.

“Non podemos esquecer que as decisións de reparto de Bruxelas dos TACs e cotas, teñen un forte impacto estrutural e social”, destacou a eurodeputada nacionalista na súa intervención, aludindo á grave situación que está atravesando o sector pesqueiro que se adica á pesca desta especie.