Ana Miranda: “Non podemos permitir nin máis paro en Vigo, nin máis xente pobre por ter un traballo ultraprecario”

A candidatura nacionalista presentou nun encontro con sindicalistas da CIG en Vigo as súas propostas en materia de emprego.
Por o 16/06/2016 | Sección: BNG,Política
Ana Miranda: “Non podemos permitir nin máis paro en Vigo,  nin máis xente pobre por ter un traballo ultraprecario”

 No encontro celebrado na tarde-noite de onte con delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega (CIG), e no que participaron Ana Miranda, candidata nº 2 do BNG-Nós e Segundo González, candidato do nº 3, presentáronse en Vigo as propostas da candidatura nacionalista en materia de emprego. Miranda reclamou unha viraxe radical nas políticas sociais e laborais de carácter antisocial e que foron aprobadas primeiro polo PSOE e despois polo PP ao ditado da Troika.

“A precariedade afecta xa a demasiadas persoas en Vigo, persoas con estudos, sen estudos, en diferentes eidos laborais, con contratos temporais e en condicións tan pésimas que non lles permite chegar a fin de mes, nen tan sequera a medio mes. Estamos falando de explotación laboral pura e dura”, afirmou Ana Miranda.

A candidata nacionalista ao Congreso e actual Portavoz do BNG en Europa trasladou nesa reunión o anuncio de que unha delegación galega, entre a que está a CIG, vai reunirse coa Comisaria de Emprego e Asuntos Sociais despois do verán en Bruxelas, pois os datos recén publicados do INE dun 30% de exclusión e pobreza, fan que “nós vaiamos onde faga falta para exixir solucións, igual que iremos ao Congreso novamente para defender a clase traballadora galega”.

A nacionalista denunciou que “para Rajoy e para o PP, as persoas con traballos precarios son simplemente números, non se dan conta que teñen vidas, fillos e fillas, necesidades, que teñen que pagar facturas e sobrevivir. Para estes Gobernos sen corazón, as persoas precarias son un estorbo”. A candidata puxo exemplos moi duros das condicións das persoas traballadoras do telemárketing expostas a unha enorme presión e condicións salariais baixísimas, das enfermeiras contratadas a horas, dos empregados da hostalería, da construción, de empresas cárnicas, das empregadas do fogar sen dereitos e de tantos sectores hiperexplotados. “Estamos a falar dunha escravitude moderna e por aquí non imos pasar” denunciou Ana Miranda, reclamando mudanzas lexislativas urxentes e enviando unha mensaxe de esperanza para “acadar un traballo decente e digno e mellores condicións salariais na nosa terra”. “Para iso poden contar co Bloque, coma sempre” remachou.

Alternativas

O BNG-Nós comprometeuse a denunciar esta grave situación no Congreso, como fixo a deputada Olaia Fdez. Davila, cun catálogo de medidas contra a precariedade que empeza coa abolición das reformas laborais. O candidato nº 3 Segundo González denunciou que a comarca de Vigo ten 80.000 no desemprego real a pesar de que as estatísticas oficiais o  reduzan a 60.000 e unha continuada destrución de emprego e de tecido produtivo na industria e defendeu un paso indispensábel e irrenunciábel a derrogación íntegra das dúas reformas laborais impostas por PSOE e PP, en 2010 e 2012 respectivamente, que só incidiron en abaratar o despedimento, desregular as condicións laborais dinamitando a negociación colectiva, rebaixar salarios e restar dereitos.

Para o BNG-Nós é importante poñer fin á temporalidade xeneralizada, prohibindo as ETTs, impondo novas limitacións máis restritivas aos contratos temporais e facer desaparecer modalidades ultraprecarias (como o contrato de prácticas e formación). Tamén hai que darlle a volta ás políticas que facilitaron e abarataron até o extremo o despedimento, obrigando a que as empresas teñan que motivar de verdade cada cesamento e acabar co despedimento ibre actual. Despedir sen causa e sen apenas custe o único que provoca é máis desemprego e maior precariedade. Aliás, as nacionalistas defenderán o aumento do salario mínimo e que se garanta un ingreso vital a todas as persoas sen emprego.