Ana Miranda parabeniza ao sector do xeito ante a retirada da prohibición das redes de deriva e o acordo europeo para protexer as artes de pesca artesanal

A portavoz do BNG en Europa cualifica de “éxito” que os 28 Estados acordaran protexer as artes de Pesca artesanal como o xeito e lembra que o BNG propiciou a presenza do sector e as súas demandas en Bruxelas
Por o 13/05/2017 | Sección: BNG,Política,Vigo
Ana Miranda parabeniza ao sector do xeito ante a retirada da prohibición das redes de deriva e o acordo europeo para protexer as artes de pesca artesanal

A portavoz  BNG en Europa quere trasladar ao sector do xeito a súa satisfacción polo acordo dos 28 estados europeos para protexer as artes de Pesca artesanal e retirar “definitivamente a prohibición” das redes de deriva como a do xeito.

Miranda lembra  que dende o inicio das demandas do sector, “O BNG alertou dos problemas da prohibición das redes de deriva de artes de pesca artesanal” que afectaban a máis de 427 embarcacións galegas e diversas comarcas costeiras. A portavoz do BNG en Europa denunciou  o “desleixo dos gobernos galego e do Estado” na defensa dos intereses do sector e lembra que mentres isto acontecía,  o BNG facilitaba que unha delegación do sector do xeito mantivera varios encontros cos responsables da proposta na Comisión Europea e no Parlamento europeo.

A portavoz nacionalista en Europa salienta que o sector  sempre contou  co apoio do BNG, mentres a Consellería do Mar, “miraba para outro lado”. Grazas ás mobilizacións do sector e as demandas realizadas en Bruxelas, afirma Miranda,  “hoxe podemos celebrar que o xeito teña futuro”.

A proposta de prohibición que agora queda sen efecto, grazas ao acordo europeo, representa para o sector suprimir un obstáculo que “ameazaba a súa supervivencia”.