Ana Miranda participa en Colombia nunha delegación de observadores electorais do Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG mantén unha intensa axenda de xuntanzas con asociacións defensoras dos dereitos humanos, cargos institucionais e candidatos
Por o 27/05/2018 | Sección: BNG,Política
Ana Miranda participa en Colombia nunha delegación de observadores electorais do Parlamento Europeo
Compartir en:

Ana Miranda participa nestes días nunha delegación de observación do Parlamento Europeo das eleccións presidenciais de Colombia. Para a eurodeputada trátase dunhas eleccións moi importantes despois da firma dos Acordos de Paz nun contexto de “post conflito”, xa que o proceso de paz puxo fin a 53 anos de conflito armado co acordo asinado polas FARC-EP e o Goberno de Colombia en novembro de 2016.

A eurodeputada nacionalista participa nesta misión electoral en representación do grupo Verdes-ALE, co foco posto no posible fraude electoral, pois o sistema ten moitas feblezas, en especial no sistema do preconteo dos votos. Ademais, Ana Miranda sinala que a situación está moi polarizada co candidato uribista do Partido Centro Democrático, Iván Duque. e o candidato de esquerda da coalición Colombia Humana e a fronte Mais, Gustavo Petro,

Na axenda da europarlamentaria figuran encontros con organizacións de dereitos humanos, co presidente da República, coa ministra de Exteriores e cos equipos dos candidatos, en particular con Petro. Neste sentido, Miranda pon de releve que o candidato da esquerda fixo un elocuente debate coa delegación sobre diversos temas, como a lentitude da aplicación do proceso de paz, a oligarquía, o poder do narcotráfico, o problema da terra, os asasinatos dos activistas sociais, o descontento social, a necesidade dunha axenda inclusiva, as políticas de igualdade, o sistema electoral e o control do software.