Ana Miranda participa na asemblea de Eurolat no segundo aniversario do escándalo dos “Panama Papers”

A eurodeputada do BNG demandará transparencia nas relacións comerciais e liberdade e seguridade para os xornalistas que investigan a documentación referida ao branqueo de capitais e a evasión fiscal
Por o 02/04/2018 | Sección: BNG,Política
Ana Miranda participa na asemblea de Eurolat no segundo aniversario do escándalo dos “Panama Papers”

A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, participará esta semana nas reunións permanentes da Asemblea de Eurolat, que se celebrará na cidade de Panamá do 3 ao 6 de abril, e na que están convocados 75 eurodeputados e 75 representantes dos Parlamentos de Latinoamérica e Caribe.

Se ben as relacións comerciais entre a UE e Latinoamérica, o impulso da xustiza para loitar contra a impunidade e a redución da desigualdade mediante o fomento da cohesión social son algún dos temas que centran o encontro, Miranda quere facer un chamamento á necesidade de potenciar a transparencia nas relacións comerciais e financeiras precisamente cando se cumpren dous anos de que estalaran os coñecidos como “Panama Papers”.

A eurodeputada nacionalista, que forma parte da comisión do Parlamento Europeo, lembra que a filtración en España de documentos confidencias da firma de avogados panameña Mossack Fonseca, segundo a que existiu el ocultamento de propiedades de empresas, activos, ganancias, ​mediante a fundación de compañías inscritas nun paraíso fiscal “supón un lastre para a democracia no Estado español que é preciso erradicar”

Ademais, para Ana Miranda, o coñecemento do contido dos “Panama Papers” pon de manifesto “a forma de proceder” do Partido Popular, así como de boa parte da Familia Real e dos descendentes de Franco. “Todos estes que nos pretender dar leccións de democracia son os primeiros en facernos trampas a toda a cidadanía”, denuncia.

“É indignante que no ano 2012 o goberno español decretase unha amnistía fiscal mediante a que se podían regularizar bens no estranxeiro, incluíndo paraísos fiscais, e coa que un gran número de persoas e empresas que aparecen nesa documentación agora non poden ser acusados de fraude fiscal pola utilización deses ferras entramados”, afirma.

Protección aos investigadores

Por outro lado, para o Bloque, a outra cara da moeda refírese ao perigo que continuamente corren os xornalistas que investigan a documentación comprometida relacionada coa utilización de paraísos fiscais para o branqueo de capitais. Ao respecto, ao seu xuízo os recentes asasinatos de Daphne Caruana Galizia en Malta e Ján Kuciak en Eslovaquia “amosan a fraxilidade da protección coa que traballan os investigadores”.

“Se queremos consolidar democracias fortes temos que poder coñecer o que acontece, pero tamén ser capaces de asumir a protección dos investigadores que destapan estes graves casos de corrupción”, defende Miranda.