Ana Miranda participa nas actividades que conmemoran o 43 aniversario do golpe de estado en Arxentina

A eurodeputada do BNG manterá un encontro coa xuíza Servini, impulsora da “Querela Arxentina”, e co presidente da Federación de Asociacións Galegas en Arxentina, Diego Martínez
Publicado por o día 24/03/2019 na sección de BNG,Política

Ana Miranda participa nas actividades que conmemoran o 43 aniversario do golpe de estado en Arxentina

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, desenvolverá hoxe e mañá un programa de actividades que terán por eixo fundamental a loita contra o fascismo, a impunidade e o recoñecemento ás vítimas da ditadura, tanto arxentina como española. Desta forma, hoxe participará na mobilización que terá lugar na Cidade de Bos Aires con motivo do cumprimento dos 43 años del golpe cívico militar que tivo lugar en Arxentina o 24 de marzo de 1976.

“O fin da impunidade dos responsables dos crimes cometidos nas ditaduras é unha conta pendente das democracias coas vítimas e non deixaremos de traballar para conseguilo”, destacou Ana Miranda, quen criticou a falta de vontade política no estado español para resarcir ás vítimas da ditadura franquista.

Para a eurodeputada galega resulta fundamental mostrar o apoio do BNG ás vítimas da ditadura arxentina, xa que o golpe de Estado deu inicio a unha brutal ditadura cívico-militar que se estendeu até 1983, deixou como saldo 30.000 desaparecidos e desaparecidas, e levou adiante unha política de terror co obxectivo de instalar un sistema político economicamente regresivo e socialmente inxusto.

Entre os encontros que manterá Ana Miranda, figuran a xuntanza con el presidente de la Federación de Asociacións Galegas de Arxentina, Diego Martínez, así como coa xuíza impulsora da coñecida como “Querela Arxentina”, María Romildi Servini. Esta querela centrouse fundamentalmente no caso de Darío Rivas, un nonaxenario que reside en Arxentina desde os años trinta do pasado século. O seu pai, alcalde socialista da localidade lucense de Castro de Rei morreu en 1936 fusilado a mans de pistoleiros da Falange Española. Rivas, en representación da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e xunto a outros familiares, personouse o 14 de abril de 2010 no Xulgado de Bos Aires para buscar xustiza.

Esta investigación abriuse en aplicación do principio de xurisdición universal e é a única aberta en todo o mundo polas graves violacións de dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e o franquismo. A xuíza Servini, baseándose no argumento de que os crimes que recolle a querela son de lesa humanidade e non prescriben, ditou unha orde internacional de detención contra catro torturadores da ditadura do xeneral Francisco Franco.

Resolución contra o avance do fascismo

Coa súa participación nestas dúas accións, a eurodeputada do BNG Ana Miranda, da continuidade ao seu traballo na loita contra o fascismo e a impunidade dos crimes das ditaduras. Así a Eurocámara aprobou o pasado 25 de outubro unha resolución conxunta impulsada pola propia Ana Miranda en representación do grupo Verdes-ALE, así como por Eleonora Forenza (GUE) e Soraya Post (S&D). A resolución contou finalmente co respaldo dos grupos ALDE y EPP e foi aprobada con 355 votos a favor, 90 en contra e 39 abstencións.

A aprobación desta resolución abre a porta á ilegalización da fundación Francisco Franco, xa que no seu artigo 20 urxe aos Estados Membros que prohiban as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. Este documento recolle diferentes emendas presentadas polos grupos das tres eurodeputadas impulsoras da resolución, entre as que destaca a referida á denuncia presentada pola Fundación Franco contra o grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble, incautado polo ditador. Igualmente saíu adiante a emenda que insta a retirar os restos do ditador Francisco Franco do Val de Cuelgamuros e suprimir os símbolos franquistas.

Para Ana Miranda a existencia da Fundación Franco é unha “anomalía democrática”, -xa que nin en Alemaña existe unha fundación Hitler, nin en Italia unha fundación Mussolini, nin en Portugal unha fundación Salazar-, que “debe ser corrixida cantos antes”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.