Ana Miranda pregunta á Comisión Europea polo cumprimento da normativa sobre o radón

Galiza é das zonas peninsulares cunha incidencia máis alta deste gas nos interiores dos edificios polo que a eurodeputada do BNG critica os retrasos na trasposición á normativa española
Por o 13/03/2018 | Sección: BNG,Política
Ana Miranda pregunta á Comisión Europea polo cumprimento da normativa sobre o radón

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou onte unha pregunta dirixida á Comisión Europea co obxectivo de coñecer o estado da aplicación da normativa sobre o radon, tendo en conta que a súa incidencia no noroeste peninsular é alta e que ten unha forte incidencia no cancro de pulmón asociado ao tabaquismo, tal e como recolle o Código Europeo contra o Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde.

A directiva europea sobre o radon, de 2013, indica que esta normativa debía estar trasposta aos Estados Membros antes do 6 de febreiro do presente ano, malia que no estado español só existe un borrador en fase de alegacións. Perante esta situación, Miranda lamenta a “pasividade” das administracións para aplicar esta normativa a respecto dun problema que afecta a saúde pública.

Para a eurodeputada nacionalista resulta imprescindible coñecer polo miúdo a incidencia deste gas radioactivo nos diferentes concellos galegos e avaliar o seu posible impacto na poboación para poder facer as melloras necesarias nos inmobles. Para este cometido defende os traballos xa feitos polo Laboratorio de Radon de Galicia, que xa elaborou o mapa galego do radon (dispoñible na propia páxina web do Laboratorio), e cuxa emisión depende da humidade e as baixas temperaturas.

De forma previa á presentación desta pregunta, a eurodeputada nacionalista reuniuse o pasado venres co responsable do Laboratorio de Radon de Galiza, Juan Miguel Barros, e o profesor de Medicina Preventiva, Alberto Ruano, quen expresaron a súa preocupación pola falta de actuacións coordinadas entre as diferentes administracións para realizar as medicións da incidencia de radon en Galiza.

Segundo os datos aportados polo Laboratorio, Galiza é unha zona de elevada contaminación por este gas, cun 70% do territorio afectado, e que se acumula especialmente nos espazos interiores, como vivendas e centros de traballo, que impiden a súa liberación á atmosfera. Polo tanto, para obter uns datos axeitadas, as medicións deben facerse durante polo menos tres días, e así poder observar as variacións ao longo de diferentes xornadas.

“Non queremos xerar alarma. Este é un problema que sempre existiu, pero agora temos os coñecementos necesarios para abordar esta cuestión, facer as medicións e executar as medidas correctoras”, subliñou Juan Miguel Barros, quen defendeu que a misión das administracións “é velar pola prevención, sobre todo nas zonas de alto risco”.

Actuacións conxuntas

Para Ana Miranda, ademais de analizar o impacto do radon en Galiza, cómpre desenvolver actuacións de ámbito europeo, en tanto que diversas zonas dos Estados Membros presentan unha alta afectación polo radon. Ao respecto considera necesario coñecer de primeira man que están realizando outros estados afectados, como son Irlanda, Francia e Italia.

Deste xeito, a eurodeputada nacionalista presentará no grupo parlamentar Verdes- ALE (do que forma parte o BNG) a posibilidade de afrontar de xeito común as actuacións necesarias para minimizar o impacto deste gas na poboación.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.