Ana Miranda: “O primeiro que faremos no Congreso será demandar apoio e financiamento público ao naval”

A candidata nº2 do BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, mantivo un encontro co Comité de Empresa de Vulcano, no que transmitiu o seu compromiso para exixir axudas sociais para os e as traballadoras do sector.
Publicado por o día 15/06/2016 na sección de BNG,Naval,Política

Ana Miranda: “O primeiro que faremos no Congreso será demandar apoio e financiamento público ao naval”

Ana Miranda mantivo esta mañá un encontro co Comité de Emrpesa do estaleiro vigués Vulcano. Na xuntanza, a candidata nº2 do BNG-Nós pola provincia de Pontevedra, estivo acompañada por Segundo González, candidato nº3, a exdeputada nacionalista no Congreso, Olaia Fdez. Davila, e máis os responsábeis local e comarcal do Bloque en Vigo, Serafín Otero e Manuel Caride.

Miranda transmitiulle aos representantes sindicais a “total solidariedade e apoio” do BNG, poucos días despois de que iniciase un novo ERE, o décimo cuarto nos últimos anos, e que o propio Comité de Empresa denunciase que moitos traballadores e traballadoras teñen as prestacións a piques de se esgotar. Neste senso, a candidata nacionalista asegurou que “o primeiro que faremos no Congreso é transmitirlle ao Goberno español a necesidade de axudas sociais para os traballadores en ERE”.

Medidas contra a ‘reconversión encuberta’

Desde o BNG-Nós reiteraron o compromiso do nacionalismo galego en defensa do sector naval. “Volveremos a reclamar, como sempre fixemos, que se facilite financiamento público e apoio decidido por parte do Goberno central e a Xunta ao naval”, afirmou criticando o abandono padecido nos últimos anos e que se ten saldado nunha “reconversión encuberta”. Miranda puxo o foco na grave situación que padece un sector “estratéxico para Vigo e para Galiza”. “Hoxe temos un naval activo só nun 25% na ría de Vigo e cun 10% do emprego potencial” denunciou, atribuíndo esta situación á “falla de compromiso dos gobernos do PP na Xunta e en Madrid”.

Fronte a “propaganda electoralista” que segundo a candidata se acostuma empregar ao falar do naval, o Bloque demandará medidas concretas para “facer do naval unha cuestión de país”. Aliás, lamentou a falla de iniciativa dos gobernos para poñer en marcha as enormes capacidades e potencialidades da construción naval en Vigo e en Galiza, facendo referencia ao fracaso do tax lease. “O novo tax lease vendeuse como un éxito, pero non resolveu nada, non está funcionando. Foi unha broma para Vigo”, enfatizou.