Ana Pérez, Podemos Galicia: “É preciso quebrar o relato de que a deslocalización é o único xeito de ser competitivas”

Publicado por o día 05/11/2016 na sección de Cultura,Podemos,Vigo

Ana Pérez, Podemos Galicia: “É preciso quebrar o relato de que a deslocalización é o único xeito de ser competitivas”

A secretaria de xustiza social de Podemos Galicia, Ana Pérez, sinalou que “é preciso quebrar o relato instaurado de que a deslocalización é o único xeito de que as empresas galegas poidan ser competitivas” na presentación do documental satírico “¡Gracias Jefe!” que tivo lugar hoxe venres nos multicines Norte en Vigo. Para a membro da executiva galega do partido morado “a deslocalización non é un fenómeno alleo ao tecido produtivo galego”, senón que se trata “dun proceso que se sostén no tempo dende hai xa máis dunha década, asentándose na mente da cidadanía como unha especie de feito inevitable e incluso beneficioso”, incidindo na necesidade dunha “nova cultura empresarial que conxugue a responsabilidade social das empresas coa obtención de beneficios”.

“A deslocalización de empresas en Galicia, ou de parte da cadea de produción, é un fenómeno sen o que non se entenderían os éxitos dalgunhas das principais empresas galegas, especialmente no sector téxtil”, continuou, “onde axiña se decataron de que era moito máis rendible mandar ó paro a Maruxa e Tareixa e poñer a Nahir ou Rajesh a coser nun barracón doce horas ó día por un xornal de miseria para que Vuitton ou Ortega suban na lista FORBES”.

Pérez abordou tamén as cifras máis recentes sobre empresas que abandonan a comunidade: “mentres que no ano 2015 se instalaron en Galicia 135 empresas, outras 154 abandonaron a nosa terra, o que arroxou un resultado neto de 19 empresas perdidas ao longo do ano”. “No que vai de 2016, continuou, levamos xa un saldo negativo de 27, polo que parece que a tendencia se consolida e o fenómeno segue medrando”.

A secretaria de xustiza social remarcou que “o fenómeno da deslocalización está directamente relacionado coa perda de poboación no territorio galego, pois a desaparición do tecido industrial e produtivo obriga á xente nova a emigrar na procura de traballo” e concluíu sinalando que “é un problema que require unha toma de conciencia por parte do goberno de Galicia e a posta en práctica de medidas destinadas a fomentar o asentamento de novas empresas socialmente responsables, que contribúan a fixar e expandir a poboación no territorio”.

¡Gracias Jefe! (Merci Patron!, 2015) é a primeira longametraxe documental dirixida polo francés François Ruffin e nela abórdase, dende a perspectiva dunha parella en situación precaria, a denuncia dos abusos laborais cometidos nalgunhas das súas empresas por Bernard Arnault, o home máis rico de Francia.