Ana Pontón: “A Galiza vaille mal con tanto centralismo, menos Madrid e máis Galiza”

No Debate de Política xeral, o BNG reclamará outro modelo económico, blindar os servizos públicos, defender a igualdade e os dereitos das mulleres, reforzar a identidade galega, ampliar o autogoberno e medidas contra a emerxencia climática
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón: “A Galiza vaille mal con tanto centralismo, menos Madrid e máis Galiza”

Ante a nova convocatoria electoral do 10N, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que é necesario cambiar o papel de Galiza no estado e darlle peso porque  con esta política “subordinada o centralismo, a Galiza vaille mal, e que o que necesitamos é menos Madrid e máis Galiza”.

A nacionalista explicou que a nova convocatoria é o “resultado do fracaso dos partidos estatais e dos seus líderes que demostraron, a súa inutilidade e incompetencia, e que non son capaces de ver máis alá das súas narices, dos seus egos e dos seus intereses partidistas”.

Este fracaso das forzas estatais, asegurou Pontón  é unha oportunidade para que Galiza, a partir do 10N teña “unha voz propia que defenda os nosos intereses da man do BNG”

No BNG, dixo, temos claro que estas eleccións “non son un trámite, nin un ensaio para as eleccións galegas”, estas eleccións son unha gran oportunidade para que Galiza teña peso político e determine a política estatal. “Polo tanto,  imos ir a por todas nesta repetición electoral, para converter o problema xerado pola incompetencia e pola inutilidade das forzas estatais nunha oportunidade para Galiza”.

Neste sentido avanzou que o BNG celebrará o vindeiro sábado un Consello Nacional para  abordar candidaturas, programa e campaña e activando a toda a organización cara o 10N porque para nós, recalcou a nacionalista, as eleccións do vindeiro 10 de Novembro  é unha cita de “primeira magnitude”, e estamos  traballando para conseguir  un obxectivo de país, “que Galiza volva ter unha voz que nos defenda”. Como xa  teñen vascos, cataláns, canarias, valencianas e até os cántabros. Porque se algo vimos nestes últimos tempos é que para que Galiza teña voz sen ataduras, que nos defenda e actúe en clave galega, ten que estar o BNG”.

DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN

Para a portavoz nacional do BNG, o debate de Política xeral ten unha grande transcendencia porque será avaliada unha década de goberno de Feixóo. Un balance global, na súa opinión que deixa “unha Galiza peor” que hai dez anos cando chegou ao goberno.

Agardamos, manifestou Pontón que Feixóo non caia na tentación  de subordinar de novo Galiza á estratexia partidista do PP, e que non converta a súa intervención nun “mitin no que reduza a Galiza a ser teloneira dos intereses electoralistas de Pablo Casado”.

No debate, Feixóo debe explicar porque incumpriu as súas promesas para xerar emprego, saír con pulo da crise económica, garantir a sanidade e  lembrou que Feixóo tamén prometeu austeridade e o que fixo foi  “triplicar a débeda pública de Galiza” e aplicar os maiores recortes das últimas décadas. Por outra parte, prometeu frear a crise demográfica e na actualidade contamos cos peores resultados da historia neste ámbito.

A portavoz do BNG fixo fincapé na incapacidade do goberno liderado por Feixóo para ampliar o autogoberno. “Prometeu ter máis autogoberno e non conseguiu ningunha nova competencia”, este é o resultado da súa xestión.

Pontón mostrouse convencida de que o Debate do Estado da Nación será o “último debate de Feixóo”  que pecha un fin de ciclo no que  os galegos e galegas daranlle  carpetazo en canto sexan convocados ás urnas. “Feixóo é o pasado e Galiza ten que mirar cara o futuro e no  BNG temos un proxecto de futuro para Galiza”

Nesta liña, avanzou que no Debate de Política xeral, o BNG defendera cinco eixos con propostas dun proxecto ambicioso e modernizador  porque outra Galiza é posible. A defensa dun novo modelo económico, blindar dos servizos públicos, a  igualdade de xénero como base dun novo modelo social, a  loita contra a emerxencia climática e o reforzamento da identidade galega e a capacidade de decisión como mellor xeito de enfrontar a globalización e as desigualdades.

O BNG proporá no debate de política xeral un “pacto galego pola ciencia e a innovación” co 3% de investimento en I+D+i

No transcurso das VII Xornada de Parlamento Aberto organizadas polo BNG sobre a I+D+i como motor de desenvolvemento, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou que no vindeiro Debate de Política Xeral previsto para os  días 25,26 e 27 de setembro, o BNG proporá “un pacto galego pola Ciencia e a Innovación co 3% de investimento en I+D+i”.

Na apertura da xornada, a portavoz nacionalista destacou a importancia dos recursos na investigación pero tamén a orientación  das políticas públicas, neste sentido, explicou que é necesario facer dende Galiza “unha xestión integra de todos os fondos en I+D+i”, recibidos dende os ámbitos europeo e estatal fuxindo da actual “política dispersa e complexa”.

A portavoz do BNG apostou por acabar “coa precariedade laboral” no ámbito da investigación polo que apelou a definir a consolidación da carreira investigadora para que o persoal científico e técnico poda desenvolver a súa actividade e “apostar por fórmulas que nos permitan captar e reter talentos”. Nesta liña avogou por crear modelos  como o Instituto Vasco de Investigación Sanitaria (IKER) e propuxo crear en Galiza un modelo semellante baixo o nome  -IMNOGAL- para acoller investigadores e investigadoras en ámbitos estratéxicos.

Por outra parte, a nacionalista fixo fincapé na necesidade de introducir a perspectiva de xénero en toda acción dende o ámbito público, cumprindo un  dobre obxectivo: “incorporar máis mulleres ao  ámbito científico, e blindar por lei que as mulleres científicas non se vexan obrigadas a abandonar a súa carreira profesional  polo feito de ser nais”.

As VII Xornadas de Parlamento Aberto sobre I+D+i abordaron entre outros aspectos: a consolidación da carreira investigadora, a transmisión do coñecemento ao tecido produtivo e a precariedade laboral dos investigadores e investigadoras.

Na xornada participaron, o colectivo de investigadores/as post ou doctorais de Galiza, María de La Fuente, investigadora do SERGAS, Cristina Álvarez, bióloga e xefa da Unidade de Microbioloxía no Intecmar e César Resch, investigador no ámbito do sector lácteo