Ana Pontón acusa a Feixóo de pretender unha dimisión en diferido da Valedora do Pobo ao estilo Bárcenas

O BNG esixe a dimisión ou o cese inmediato de Milagros Otero porque a súa condena por abuso de poder “enturba á institución”. Acusa ao PP de prácticas caciquís co uso partidista da Valeduría do Pobo
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón acusa a Feixóo de pretender unha dimisión en diferido da Valedora do Pobo ao estilo Bárcenas

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai solicitar por escrito a dimisión inmediata da Valedora do Pobo, Milagros Otero, tras ser condenada por abuso de poder facilitando a contratación da irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, ao tempo que cualificou de “politicamente impresentable” o intento da valedora de alagar a súa estancia no cargo.

De feito, criticou Pontón, o PP pretende colar unha dimisión en diferido ao estilo Bárcenas dunha persoa afín condenada por prevaricación nun caso de enchufismo.

“En termos políticos o escrito rexistrado pola valedora do pobo no Parlamento é impresentable pois propón unha dimisión en diferido, é dicir, o mesmo que o PP facía con Bárcenas quere facelo agora Feixóo coa valedora do pobo”, denunciou Pontón.

“Hai que lembrar que está condenada por prevaricación por enchufar nada máis e nada menos que a irmá do portavoz parlamentario do PP, unha actitude que non é presentable en ningún caso pero moito menos na Valeduría do Pobo que debe ter un comportamento exemplar”, argumentou a dirixente nacionalista.

Por iso, o Bloque demanda a dimisión inmediata e efectiva dunha valedora condenada por prevaricación, “e pedímoslle a Feixóo que non siga amparando prácticas deste tipo que non só son caciquís senón a antítese de calquera rexeneración democrática”. O escrito remitido á Cámara pola valedora, recalcou, “é unha vergoña e unha tomadura de pelo e, desde o Bloque esiximos dimisión ou cese inmediato”, reiterou.

Pontón salientou que a estrutura da entidade permite a substitución inmediata da valedora a través da figura da vicevaleduría, que pode asumir as súas responsabilidades.  “O que non pode ser é que sigan enturbando e difamando unha institución pública única e exclusivamente para salvarlle a cara a unha persoa vinculada ao PP, que de feito funciona como militante do PP e que está denigrando á institución”, alegou..

En consecuencia, Milagros Otero “non pode seguir no seu cargo e, desde logo, as dimisións en diferido pensábamos que era unha cuestión do pasado do Partido Popular, pero parece que é unha fórmula que lle gusta a Alberte Núñez Feixóo”, concluíu.