Ana Pontón advirte a feijóo que se autoriza a venda das centrais do Xallas perderanse 284 empregos

Propón un pacto para que Ferroatlántica cumpra os seus compromisos “porque Galiza non lle debe nada a Villar Mir, pero Villar Mir débelle moito a Galiza”
Publicado por o día 22/02/2017 na sección de BNG,Política,Vigo

Ana Pontón advirte a feijóo que se autoriza a venda das centrais do Xallas perderanse 284 empregos

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo facer unha fronte común de todas as forzas políticas para garantir o futuro de Ferroatlántica na Costa da Morte con dous puntos concretos: Pechar a porta a calquera venda ou segregación das centrais do  Xallas e demandar da empresa que cumpra cos seus compromisos con Galiza en materia de emprego e investimento.

A dirixente do Bloque levou esta cuestión ao pleno de control do Parlamento, despois de que a multinacional anunciase nun comunicado aos mercados internacionais, -datado en Londres o 1 de febreiro de 2017-, a súa intención de vender as centrais que ten en concesión para amortizar débeda.

Pontón interpelou a Feijóo advertíndolle que, se como presidente da Xunta autoriza esta venda ilegal á multinacional, estará asinando a defunción das fábricas na Costa da Morte e a perda de 284 postos de traballo.

“Por qué levamos 60 anos deixando que Ferroatlántica teña gratis toneladas e toneladas de quilovatios de electricidade? Porque era a única maneira de garantir o emprego. Sen esas concesións a empresa non é viable e pecharía as plantas de CEE e Dumbría, desvincular a explotación eléctrica da industrial, -ademais de ilegal-, supón liquidar 284 empregos na comarca. Así de simple e así de duro”, explicou.

Pontón instou a Feijóo a pronunciarse “sen sombra de dúbida” en contra da venda e a favor do cumprimento dos compromisos de Ferroatlantica, “porque Galiza non lle debe nada a Villar Mir, pero Villar Mir débelle moito a Galiza”, proclamou despois de lembrar que a  primeira concesión eléctrica data de 1956.

A portavoz nacional lamentou as evasivas de Feijóo ao tempo que fixo memoria sobre algúns dos incumprimentos máis recentes da empresa.

Así, a construción do encoro de Santa Uxía en 1986 xustificouse en aras de manter os postos de traballo, 500 empregos directos nesa altura. “Hoxe Ferroatlántica ten 284”. Igualmente, salientou que para xustificar a “repotenciación” dos encoros do Xallas levada a cabo xa co actual Goberno do PP anunciouse a creación de 700 empregos, “onde están eses postos de traballo señor Feijóo?”, preguntou Pontón.

Pontón ironizou sobre a aireada resposta do presidente da Xunta as propostas do BNG, -“lamento que veña de mal humor a esta Cámara”-,  e utilizou unha solicitude de rectificación á Presidencia do Parlamento para replicarlle a Feijóo que “non incordia quen defende os intereses dos e das galegas, senón quen vai en contra deles”, nun pleno que contou cunha representación dos e das traballadoras de Ferroatlántica, cuxo futuro seguirá defendendo o Bloque.