Ana Pontón ante o peche da central d’As Pontes: “Nin goberno do Estado nin a Xunta fixeron os deberes”

Critica a falta de iniciativa política de Feixóo, “que non busca solucións senón escusas”. A transición enerxética non pode consistir en deixar tirada unha vez máis á comarca de Ferrolterra, alega
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón ante o peche da central d’As Pontes: “Nin goberno do Estado nin a Xunta fixeron os deberes”

A portavoz nacional, Ana Pontón, salientou que o anunciado peche da central térmica que ENDESA ten nas Pontes demostra que “stamos ante unha situación na que nin o Goberno do Estado nin o Goberno da Xunta fixeron os seus deberes en relación á a decisión da empresa de pechar esta planta”.

Se ben a transición enerxética está aí, o BNG considera que está transición ten que ser xusta para Galiza, “e por iso non se pode permitir que unha empresa que explotou os nosos xacementos e recursos, que obtivo miles de millóns de euros de beneficios, unha vez que esquilma os recursos do país pretenda desmantelar a central sen deixar ningunha alternativa”, declarou Pontón tras a celebración do Consello Nacional.

Por contra, o Bloque demanda unha alternativa de futuro para As Pontes e para toda a comarca de Ferrolterra,  “que leva sendo unha das comarcas máis castigadas polas reconversións industriais e os antecedentes que temos preocúpannos, porque xa cando tocou a reconversión do naval o que se fixo foi deixar tirada unha comarca e ese non pode ser o escenario”, salienta a líder nacionalista.

O BNG critica que, no recente debate do estado da nación galega, o PP votase en contra dunha medida “na que propoñíamos a posta en marcha dunha mesa na que abordar precisamente a cuestión da transición enerxética desde Galiza”. Non é de recibo, lamentou, “que a única proposta que teña a Xunta sexa botarlle a culpa os demais porque este país non se merece un presidente que o único que busca son escusas e non solucións”.

Pontón recalcou o compromiso e a implicación do Bloque: “imos estar aí man a man cos traballadores e man a man con toda unha comarca que o quere son solucións e non escusas”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.