Ana Ponton aposta pola educación e a igualdade contra violencia machista na charla do IES de Vilalba

Charla co alumnado do IES Basanta Silva en Vilalba ao que convidou a “crer na política e a conxurar o pesimismo”
Por o 11/02/2017 | Sección: BNG,Política,Vigo
Ana Ponton aposta pola educación e a igualdade contra violencia machista na charla do IES de Vilalba
Compartir en:

Charla co alumnado do IES Basanta Silva en Vilalba ao que convidou a “crer na política e a conxurar o pesimismo”. O BNG aposta polo voto aos 16 anos e por incrementar o ensino obrigatorio ata os 18, e demanda unha Lei Galega de Educación.

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha charla co alumnado de 1º e 2º de bacharelato no IES Santiago Basanta Silva en Vilalba onde fixo unha cerrada defensa do ensino público, que pasa por acabar cos recortes  recuperando os 1.900M€ de investimento perdidos desde 2009 e os 3.000 profesores e profesoras expulsados do sistema educativo.

Pontón reclamou unha Lei Galega de Educación “que garanta un ensino público de calidade, galego e laico, un ensino igualitario que sexa un elemento de desenvolvemento do país, que acabe cos desequilibrios entre o rural e o urbano. O ensino público é o mellor investimento de futuro”, explicou ante un nutrido grupo de alumnos e alumnas de entre 14 e 16 anos.

Nese auditorio, e á vista dos últimos datos de violencia machista entre a xente moza, Pontón tamén salientou o papel da educación na formación en igualdade. “O ensino ten que servir de desenvolvemento de novos valores para a sociedade, e pensamos desde o BNG que hai que reforzar o papel do ensino á hora de loitar contra a violencia de xénero”, subliñou.

“Vemos con alarma os datos de incidencia da violencia de xénero entre a mocidade e sería importante que a Xunta aposte pola educación en igualdade, suprimindo todos os concertos educativos con centros que segreguen ao alumnado e que se faga unha aposta estratéxica pola formación do profesorado e pola formación en valores”, argumentou Pontón.

A portavoz nacional animou aos mozos e mozas presentes na charla “a crer na política” e “a conxurar o pesimismo” porque teñen dereito a un futuro neste país, que non pode construírse sen as novas xeracións, “as máis preparadas, pero tamén as máis estafada”, lamentou.  O BNG confía no papel que a mocidade debe xogar a través da participación política e, indicou Pontón, aposta polo dereito de voto aos 16 anos e, dada a importancia da formación, por prolongar o ensino obrigatorio ata os 18 anos.