Ana Pontón: “É esperpéntico que os Franco denuncien a 19 demócratas por reclamar a devolución do roubado”

Pide ao goberno de Sánchez que dea un paso adiante para que os bens roubados polo franquismo en Galiza retornen ao seu lexitimo dono, o pobo galego
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de BNG,Política

Ana Pontón: “É esperpéntico que os Franco denuncien a 19 demócratas por reclamar a devolución do roubado”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón trasladou hoxe o apoio do BNG ao colectivo -19 de Meirás-  na   concentración  ante o Xulgado de Betanzos  onde se  iniciaron as primeiras declaracións tras a demanda criminal presentada pola familia do ditador e a Fundación Franco. Para a nacionalista, resulta “esperpéntico” que a familia Franco denuncie a 19 persoas por realizar un “acto cívico, pacífico e democrático para reclamar que o Pazo de Meirás sexa devolto ao patrimonio galego”.

A portavoz nacional do BNG, manifestou que a persecución contra persoas demócratas e defensoras de Memoria histórica  fainos pensar que  que vivimos nun mundo  ao revés porque hoxe, afirmou , quen tiña que estar declarando é a familia Franco  que leva “40 anos ocupando un pazo que é patrimonio público galego”. O pazo representa o “roubo e extorsión”  a miles de galegos e galegas durante o franquismo e dende o BNG consideramos que as 19 persoas que escenificaron “ese acto simbólico” fixeron unha contribución á democracia. Pontón lembrou que que o debate sobre a devolución do Pazo de Meirás continúa aberto ao igual que a devolución da  Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham.

O 30 de agosto  de 2017 un grupo de militantes nacionalistas realizaron unha acción simbólica sorpresa no pazo de Meirás para reclamar a devolución do pazo ao seu lexitimo dono, o pobo galego. A familia do ditador, á que se sumou a Fundación Nacional Francisco Franco interpuxo unha demanda acusando a 19 militantes de diversos delitos pola realización desta acción para os que pide unha pena colectiva de cadea de 247 anos e unha multa de medio millón de euros.

Estas 19 persoas, engadiu a portavoz do BNG, visibilizaron un problema. Se  hai xustiza no Estado español, os 19 de Meirás non deben ser sometidos a ningún tramite máis despois da declaración xudicial  do día de hoxe polo que pediu “ o peche inmediato do proceso” xa que, ao seu entender,  “non existe caso”.

O GOBERNO DE SÁNCHEZ DEBE DAR UN PASO ADIANTE

Pontón explicou que xa se cumpriron máis de dous meses da aprobación no Parlamento galego dunha resolución unánime reclamando que o goberno do Estado “demande á familia Franco porque o pazo non é da súa propiedade”. Tamén existen informes documentados así como vías abertas para que o pazo sexa recuperado e non entendemos porqué  aínda non foi iniciado ese procedemento xudicial. ”Cada minuto que pasa sen que o Goberno do Estado interpoña a demanda, é tempo que gaña a familia Franco”.

Para a nacionalista, Sánchez debe “dar ese paso adiante” e poñer a demanda para recuperar o pazo. Pontón asegurou que boa parte da resolución aprobada no Parlamento galego débese aos 19 de Meirás e si eles “foron valentes” tamén cumpre que o sexa o goberno do Estado e deixe de ser conivente cos intereses da familia Franco.

“É de traca, que a Fundación Franco poida facer apoloxía do franquismo e ao tempo vemos como se chama a declarar a persoas que loitan contra o franquismo, reclaman a democracia e denuncian a impunidade que despois de 40 anos siga existindo o franquismo”, concluíu.