A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, visitaron ao líder de ER, Oriol Junqueras, na cadea de Lledoners, nun encontro dunha hora no que transmitiron a solidariedade e apoio do BNG a todos os presos e presas políticas, as súas familias e a todas as persoas que en Catalunya queren decidir o seu propio futuro.
Á saída da prisión, a dirixente do Bloque reclamou a absolución e posta en liberdade de todas as persoas presas polo mero feito de defender as súas ideas políticas e o dereito do pobo catalán a decidir nas urnas, e insistiu en que é preciso unha solución política e dialogada por parte do Estado que, até agora, está empeñado en buscar vinganza en lugar de xustiza, que persegue ao discrepante e que se nega a asumir a realidade plurinacional.
“Desde o Bloque seguimos defendendo que a solución ten que ser política, diálogo, absolución e liberdade para os presos políticos e, sobre esa base, estou segura que é posible construír un futuro mellor non só para Catalunya senón tamén para Galiza e para todos os pobos que neste momento formamos parte do Estado español”, indicou Pontón.
Para a líder do Bloque, “o Estado español ten un problema moi grave: Que non quere recoñecer que é un Estado plurinacional e iso implica o dereito a poder decidir o futuro, o dereito a poder construír sociedades máis avanzadas e democráticas que nos garantan dereitos e liberdades básicas, e nese sentido é importante que tezamos solidariedade e denunciemos o que está pasando”.
Pontón advirte do momento de “involución democrática” do Estado ante o que non é posible permanecer calado, nin neutral, posto que o que está en xogo é a propia democracia, máis aló de estar a favor da independencia de Catalunya. Non se pode ter medo, porque o medo “alimenta ao monstro” que é preciso derrotar.
“Hai quen quere poñer unha mordaza para que non digamos o que pensamos, que quere que vivamos con medo, pero o medo o único que consigue é alimentar o monstro antidemocrático que nos priva de dereitos e liberdades básicas, hai que derrotar a ese monstro”, salientou a portavoz nacional. “É importante que esa solidariedade se trace desde todas partes, e o BNG, con este visita, con este acto, quere transmitir a solidariedade ás persoas que están presas, pero tamén as súas familias e a todas as persoas que en Catalunya soñan con poder decidir o seu futuro”.
Asañamento vs xustiza
Miranda e Pontón salientaron a dureza de ver a persoas que, como Oriol Junqueras, están privadas de liberdade por ideas políticas, “sen poder ver ao seus fillos e fillas simplemente por defender as súas ideas e isto non debería pasar en ningunha democracia avanzada. É unha situación que afecta a todos e todas porque afecta á democracia, non se trata de se estamos a favor ou en contra da independencia de Catalunya, senón que vai da defensa de dereitos e liberdades fundamentais”.
A líder do Bloque tamén denunciou a parcialidade da Xustiza. “Estamos vendo un Estado que persigue a quen pensa diferente, que é capaz de encadealo, que actúa con crueldade e, o máis grave, un Estado onde podemos ter moi pouca fe na Xustiza porque o certo é que temos a sensación de que a sentenza deste xuízo xa está escrita antes de que se iniciara”, alegou.
Vestixios franquistas
Pontón considera que “hai un asañamento e un intento de castigo para unhas persoas que o único que fixeron foi defender o dereito do seu pobo a decidir o seu futuro, que o único que defenderon foi un mandato democrático, decidir a través do voto. Iso non se pode criminalizar en ningún país avanzado”.
Para o Bloque, a maneira de actuar do Estado encadeando a políticos polas súas ideas retrotrae ao Franquismo.
“Estamos nun momento de involución democrática moi grave onde o que pasa aquí é un síntoma máis dun Estado no que segue habendo vestixios do Franquismo”, denunciou, “e desde o BNG imos seguir dando a cara para dicir con claridade que non é normal o que está pasando e que ningunha persoa demócrata pode manterse na equidistancia nin no pasotismo. Por contra, é importante denunciar a situación que se está vivindo neste momento”, concluíu.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.