Ana Pontón: “É vergoñento o comportamento de Alcoa, Xunta e Goberno central teñen que actuar para manter o emprego”

Anuncia a presentación de iniciativas no Parlamento galego e Congreso para impedir a paralización de parte da actividade anunciada pola dirección da empresa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao deputado no Congreso, Néstor Rego e a deputada e viceportavoz, Olalla Rodil mantiveron un encontro co Cómite de Empresa de ALCOA para abordar a actual situación ante o anuncio da dirección de parar as cubas.

Pontón, ao igual que fixera no encontro telématico coa Plataforma de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares de ALCOA, hai dous días,  transmitiu ao Comité de empresa o apoio do BNG as súas demandas e o compromiso de presentar iniciativas, tanto no Parlamento galego como no Congreso dos deputados destinadas a impedir que sexa paralizada “parte da actividade”  da empresa  en San Cibrao e garantir os postos de traballo.

A portavoz nacionalista cualificou de “vergoñento” o comportamento de ALCOA  cunha comarca que sempre se volcou por manter a actividade da empresa e advertiu que a paralización das cubas abocará ao desemprego a máis de medio centenar de traballadores e traballadoras das empresas auxiliares ademais de seren  “o primeiro paso” para un futuro desmantelamento  en parte da actividade  da factoría.

Pontón lembrou que Alcoa é o grande motor económico da comarca de A Mariña e a súa paralización terá gravísimas consecuencias para a comarca e para todo o sector industrial galego. A nacionalista recalcou que a dirección debe rectificar e  volveu a reclamar da Xunta e do goberno central “medidas urxentes” que impidan parar a actividade, garantir os postos de traballo e un plan de futuro para a factoría. “Non podemos consentir que desaparezan   sectores claves para a  nosa economía”.

Goberno galego e goberno central deben “exixirlle a ALCOA que non paralice unha parte da actividade” sobre todo na crise que estamos vivindo. Para a nacionalista, “ALCOA ten un compromiso social” coa comarca da Mariña e co emprego e tanto Xunta como Goberno central deben exercer as súas competencias para que o sector do aluminio teña futuro e viabilidade en Galiza. Nin a Xunta nin o goberno central “fixeron os deberes” e “urxe que tomen medidas porque hai moito en xogo”, recalcou.

 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM