Ana Pontón: “Feixoo recua e veta competencias por imposición de Pablo Casado”

O PP da marcha atrás no seu apoio á proposta do BNG de conseguir máis autogoberno, e veta a petición da transferencia de salvamento marítimo
Por o 12/02/2019 | Sección: BNG,Política
Ana Pontón: “Feixoo recua e veta competencias por imposición de Pablo Casado”
Compartir en:

Hai 15 días o PP sumábase a unha iniciativa do BNG para reclamar o máximo teito competencial. Como recordaba a portavoz nacional, Ana Pontón, citando o diario de sesións: “Galiza non é unha comunidade nin de terceira, nin de cuarta división, queremos estar na división de honra, como está o País Vasco e Cataluña, e tamén queremos negociar a transferencia das competencias, todas, todas”, proclamaban desde as filas populares.

Unha demanda recollida igualmente nos titulares de prensa citados por Pontón durante a defensa da proposición de lei para reclamar a competencia de salvamento e seguridade marítima que foi vetada polo PP, incluído Feixóo que, ausente no debate, entrou no hemiciclo para votar en contra dun texto lexislativo co que o Bloque quería arrancar unha ofensiva institucional para darlle a Galiza máis autogoberno.

Un xiro de 180 grados que só ten unha explicación: “Casado levantou o teléfono para darlle a orde a Feixóo e dicirlle que non tocan máis competencias porque a axenda do PP a marca a extrema dereita desde Madrid. Xa vemos o que lles importa Galiza, un pito”, salientou Pontón, “querían negociar todas as competencias, pero chamounos Casado e obedecen porque este país e a seguridade no mar impórtalles un pito”.

A dirixente do Bloque lembroulle a Feixóo que fai un ano Raxoi estaba negociando cos nacionalistas vascos un incremento do cupo que implicaba millóns de euros adicionais para Euskadi mentres a Galiza lle aplicaban un recortazo de 442 M€, “e vostede calado porque sempre está antes o PP que os galegos e as galegas”.

O País Vasco negocia un paquete de novas transferencias entre elas salvamento marítimo, “temos que esperar a que o consigan para ir detrás, para que se atrevan a reclamar algo para este país?”, interpelou. “O único que aprenderon do Prestige é que prefiren que decidan sempre desde Madrid, é un auténtico papelón o que está facendo o PP que leva dez anos no mesmo sitio, subordinando este país aos intereses do PP”.

“En política é importante ter palabra, fai 15 días pedían todas as competencias e agora están baixo o espírito de Colón: subordinación, subordinación e extrema dereita”, sintetizou Pontón, ante un Feixóo “que ten o peor balance en autogoberno de toda a historia, cero competencias en dez anos, nada de nada”.

Con 1.700 quilómetros de costa, o BNG considera urxente transferir a competencia en materia de salvamento e seguridade marítima para adaptalo á realidade galega e tomar as decisión desde aquí.

Casson, Urquiola, Andros Patria, Erkowitz, Polycomander, Mar Exeo, Prestige son nomes de grandes catástrofes ás que se suman as derivadas da actividade pesqueira cun cento de barcos afundidos no que vai de século, Sin Querer II e O Silvosa, os dous últimos.

4.000 embarcacións de baixura e marisqueo a frote, 1.200 embarcacións auxiliares das bateas, 400 barcos no litoral de cerco, arrastre ou palangre, 36.000 buques cada ano no Corredor de Fisterra, -13.000 coa mesma carga ca do Prestige-, evidencian a singularidade da costa galega que fai imprescindible unha normativa e unha política de salvamento marítimo adaptada a esta realidade.

As decisións non poden tomarse a miles de quilómetros desde o descoñecemento da realidade da costa dunha “nación pesqueira” e ante situación nas que cada minuto conta. A realidade ten demostrado que, cando iso pasa, se perden vidas e accidentes marítimos terminan convertidos en catástrofes, de aí a proposición de lei do BNG reclamando esta competencia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.