Ana Pontón: “Imos a por todas porque Galiza gana co BNG no Congreso”

Acto de arranque de campaña [email protected] candidatos cabezas de lista ao Congreso: Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra)
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón: “Imos a por todas porque Galiza gana co BNG no Congreso”

Converter a inutilidade das forzas estatais nunha oportunidade: a de darlle voz propia a Galiza para facer valer no Estado os intereses dos e das galegas. Con ese obxectivo, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, o BNG sae a por todas para colocar Galiza na axenda política do Estado a partir do 10N.

“Imos a por todas para converter a decepción en ilusión, esperanza e confianza e ter voz no Congreso da man dunha forza propia que, está demostrado, é a única maneira de conseguir que as necesidades, aspiracións e soños da xente deste país cobren forza. Ese é o compromiso do Bloque: dar a cara polos intereses dos e das galegas”, salientou no acto de apertura de campaña cos e coas candidatas cabezas de lista ao Congreso.

Tras o espectáculo destes meses e o historial de discriminación das forzas estatais, “hoxe hai miles de persoas que teñen clarísimo que Galiza gana cando o BNG está no Congreso, que ven no 10N a oportunidade de facer algo diferente: apoiar ao BNG para defender unha axenda de país que nos faga avanzar, que acabe con tanta discriminación e pasotismo para facernos valer no Estado. En definitiva,  para conseguir un futuro mellor”.

Pontón dirixiuse ás persoas que poden estar “desesperanzadas” para dicirlles que hai alternativa “se optamos por defender o noso dándolle voz propia a este país da man da única forza que xoga a favor de Galiza”

A líder nacionalista deixou claro que, nun escenario sen maiorías absolutas, a representación do Bloque será decisiva e permitirá condicionar a política do Estado a favor deste país: solucións a un sector industrial en crise, a favor dos 22.000 usuarios que a diario soportan a estafa da AP9, a favor dos 200.000 mozos e mozas emigradas, darlle alternativa ás mulleres que reclamamos igualdade, ou para afrontar os desafíos ambientais e sociais.

Pontón subliñou que o Bloque “é a alternativa” ao bipartidismo PP-PSOE, expertos en dicir unha cousa na oposición e facer a contraria cando gobernan ou ante un Podemos que pactou os peores orzamentos do Estado para Galiza en vinte anos. “O BNG nunca lle fallou a este país”, recalcou.

Apelou as persoas “desencantadas e cabreadas” porque viron como o voto as forzas estatais traduciuse, unha vez máis, en  23 deputados e deputadas electas “que non actúan en defensa de Galiza senón que van a Madrid a facer o que lle mandan os seus xefes de filas”.

Fracaso tamén das forza da esquerda, que continuaron co mesmo ninguneo do PP a Galiza, e ademais foron “inútiles” na defensa dos dereitos e das liberdades: aí seguen intactas a Lei Wert, a Lei Mordaza e as contrarreformas laborais. Nin dereitos socias, nin Galiza.

“A todas esas persoas pídolles que esta vez fagan algo diferente: que aposten polo BNG, porque somos a garantía de que defenderemos unha axenda de país e un axenda social de dereitos e liberdades e democracia. Ese é o compromiso dunha forma con palabra, que sempre estivo aí e nunca se equivocou de lado: o lado de Galiza, dos e das galegas”, concluíu.