Ana Pontón insta a participar e a votar “desde o corazón, con ilusión e confianza” para ter voz propia

Néstor Rego recalca a importancia deste momento político e anima a participar sabendo que cada voto pode ser decisivo para construír “un futuro mellor”
Por o 28/04/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política
Ana Pontón insta a participar e a votar “desde o corazón, con ilusión e confianza” para ter voz propia

A portavoz nacional, Ana Pontón, exerceu o seu dereito ao voto ás 9.30 horas na mesa electoral do CGAC en Santiago, e pouco despois o facía o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, no CSC de Figueiras, tamén na capital galega.

Ambos apelaron ao momento “excepcional” e instaron a unha participación masiva “desde a ilusión e a confianza”  para recuperar voz propia e pensando na Galiza que queremos.

“É unha xornada importante na que os galegos e as galegas nos xogamos moito e animo a todo o mundo a participar, a votar con liberdade, a estar nas urnas porque este 28 de abril decidimos o noso presente e o noso futuro”, salientou Pontón tras depositar as papeletas, “animo a votar pensando en que Galiza queremos vivir, se queremos que este país teña voz propia, que futuro queremos deixar os noso fillos e as nosas fillas”.

A líder do BNG salientou que estamos  “nun momento excepcional”  no que é importante que a cidadanía exprese a súa voz nas urnas: “Que esta sexa unha xornada na que se vote con liberdade, que transcorra con normalidade e animar a todo o mundo a que exprese a súa voz nas urnas nun momento no que nos xogamos moito”.

Nestor Rego“É un día para votar con confianza no futuro, para que este país teña máis oportunidades, que a xente vote desde o corazón e con ilusión, tendo en conta que este  28A tamén nos xogamos moito como país, xogámonos ter voz, estar presentes, que tipo de relación queremos ter co Estado e agora é o momento de que falen os galegos e as galegas”, salientou a dirixente do Bloque.

Na mesma liña, Rego fixo fincapé na importancia que ten para Galiza esta xornada electoral.

“Hoxe estamos dando voz ao pobo galego e temos a certeza de que non a vai perder nunca máis, e quero animar a todo mundo a participar sabendo que o voto de cada unha das persoas pode ser decisivo, que cada papeleta pode contribuír a construír un futuro mellor para o noso país e que é preciso que Galiza se faga sentir e que teña voz propia. Iso podemos conseguilo co noso voto e espero que haxa unha alta participación e podamos mudar as cousas en positivo para este país e para a súa xente”, concluíu.

Tras a votación, Pontón e Rego realizan un percorrido visitando mesas electorais para saudar a todas as persoas, apoderados, simpatizantes, militantes que hoxe contribúen a que a xornada electoral transcorra con normalidade. Pola tarde haberá unha reunión da Executiva nacional, que fará o seguimento dos resultados desde a Nave de Vidán, en Compostela, executiva da que forman parte o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, e a candidata por Pontevedra, Carme da Silva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.