Ana Pontón: “Os Orzamentos de 2018 son os orzamentos dun presidente acomplexado e sen ambición de país”

Critica a posición dun “Feijóo apisoadora” instalado na “posesión da verdade absoluta” incapaz de aceptar ningunha das 324 proposta do BNG
Por o 19/12/2017 | Sección: BNG,Política
Ana Pontón: “Os Orzamentos de 2018 son os orzamentos dun presidente acomplexado e sen ambición de país”
Compartir en:

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que o PP reduza a mero ritual o debate parlamentario dos orzamentos pola vía de pasar o rodillo sobre as proposta do resto dos grupos, 324 emendas por parte do  BNG para modificar unhas contas que repiten receitas fracasadas, manteñen os recortes, non xeran emprego e ignoran ás persoas máis afectadas pola crise.  

“Son os orzamentos dun presidente acomplexado e sen ambición de país, que exerce como alumno aplicado do centralismo de Rajoy, son as contas de quen renuncia a dar a cara polos nosos intereses, as contas que repiten as mesmas propostas fracasadas que tanta desigualdade e tanto sufrimento causan a clase traballadora e a maioría das persoas deste país”, argumentou Pontón.

A dirixente do Bloque lamentou que Feijóo, -“presidente ausente” no debate-, optase por poñerse en “modo apisoadora” para vetar todas as propostas nacionalistas “convencido de que está en posesión da verdade absoluta, en encastelado na arrogancia, incapaz de levantar a vista do seu nariz e mirar de fronte ás necesidades dos galegos e das galegas”, recriminou.

Pontón lamentou que os orzamentos de 2018 volven mostran un presidente subordinado ao centralismo de Rajoy que sitúan a Galiza na irrelevancia política, con consecuencias “letais”. “A factura da irrelevancia política é moi cara en forma de estafa das peaxes, en espolio enerxético, en financiamento discriminatorio e inxusto, en retrasos no AVE, en transporte ferroviario do século XIX fora do eixo Coruña-Vigo”, denunciou.

“O mellor que se pode dicir destes orzamentos é que son rutineiros e compracentes, a repetición das mesmas receitas fracasadas que manteñen un modelo marcado pola precariedade laboral, por salarios que non permiten chegar a fin de mes, uns orzamentos que consolidan os recortes en sanidade, educación, na protección social, pese ao mantra da recuperación económica”, denunciou.

Pero esa “cantinela”,  -alegou-, “non axuda a encontrar traballo, non evita que a xente emigre, nin trae de volta aos milleiros que xa colleron a maleta nun país cun problema de envellecemento e perda de poboación pavoroso, nin axuda a pagar as facturas ás persoas que este nadal non van poder comprarlle agasallos aos seus fillos e fillas, nin a fuxir do paro, nin a ter un salario que lle permita saír desa modalidade social de traballador e traballadora pobre que crearon as políticas do PP”.

A dirixente do BNG fixo repaso dalgunhas das proposta para mellorar as contas de 2018. A modo de exemplo, a batería de emendas en materia sanitaria e de servizos sociais, como o plan de choque contra as listas de espera na sanidade e dependencia, recuperar o persoal expulsados polos recortes ou para rescatar o hospital de Vigo. En materia laboral, aposta por reducir a brecha salarial do 30% entre homes e mulleres, facilidades de financiamento aos autónomos e aos colectivos con dificultades de inserción no mercado de traballo.

Plan de mellora de infraestruturas hidráulicas e saneamento integral, en plena seca,  plan de vivenda pública en réxime de alugueiro, financiar o retorno de empresas deslocalizadas, impulsar unha industrialización apostando pola I+D+i. Igualmente, máis fondos para o banco de terras, para paliar os danos da seca e os efectos da vaga de lumes e rescatar para o público o servizo de gardacostas, a 15 anos da catástrofe do Prestige.

Tampouco prosperaron as emendas parciais presentadas ao texto articulado, que aportaban un incremento de 135M€ no capítulo de ingresos para sanidade, ensino e servizos sociais. Por contra, o PP mantén “a súa folla de ruta privatizadora” e o deterioro do servizo de saúde e da educación públicas, mentres medran os seus homólogos privados.

Líderes en subida de prezos

No debate, Pontón non pasou por alto que Galiza ten un mercado laboral peor que a media, pero rematamos o ano coa maior subida do IPC. “Hai algo no que somos líderes, no incremento dos prezos, temos o custe de vida máis caro nun país onde os salarios están entre os máis baixos”, indicou.

“E todo grazas a que pagamos os carburantes máis caros de España, -menos mal que temos unha refinería á entrada da Coruña-, e todo porque se dispara o prezo da factura da luz, -menos mal que somos exportadores netos de electricidade-, e todo porque temos unha das peaxes máis caras do Estado, -menos mal que Feijóo preside a comisión bilateral Xunta-Fomento da AP9-“, ironizou.

“É urxente que este país conte cun Goberno que deixe atrás o servilismo, que deixe de dicir que chove para xustificar a enésima discriminación e o enésimo agravio, e que, dunha vez, nos faga respectar como pobo. Nada diso está nos orzamentos do vindeiro ano, que botan por terra o diálogo e o entendemento, e que non son os que Galiza precisa”, concluíu, “porque a única mensaxe do PP é a prepotencia e a arrogancia”.