A espera de coñecer as medidas que anuncie o presidente da Xunta, a portavoz nacional, Ana Pontón, critica que, pese a levar dez meses de loita contra a COVID, o xefe do Executivo sigue incapaz de anticiparse e vai por detrás do virus, reaccionando tarde e con medidas que non están funcionando para frear os contaxios, como demostran as cifras record de novos infectados dos últimos doce días.
E neste contexto de descontrol da pandemia, a líder nacionalista urxe a Feixóo a poñer sobre a mesa un confinamento domiciliario de dúas semanas que corte de raíz a dramática cadea de contaxios, que se traduce en máis falecementos, máis hospitalizados e máis ingresos en UCI, de tal xeito que a presión asistencial está chegando ao límite en áreas sanitarias como a da Coruña.
“Os responsables da xestión directa da crise non se anticipan senón que van por detrás do virus con cifras intolerables en termos de saúde antes as que é necesario reaccionar adoptando unha medida que demostrou a súa eficacia para cortar a expansión da pandemia”, explicou Pontón, “e esa medida é un confinamento domiciliario de dúas semanas ampliables, para cortar de raíz a cadea de contaxios”.
Unha medida que cada vez reclaman máis persoas expertas e do ámbito sanitario, polo que sorprende que non se aborde no comité clínico que encabeza o presidente da Xunta. “Feixóo é o responsable político da toma de decisións en Galiza e cando cada vez son máis as voces a favor do confinamento, custa crer que esta medida non se poña sobre a mesa no comité de expertos”, indicou Pontón.
A líder nacionalista subliñou que a expansión do virus “non é responsabilidade dun sector que se está usando como cabeza de turco simplemente para facer que se fai”, indicou en relación á hostalería, “nin tampouco vai de debates estériles arredor do toque de queda”, alegou. Neste sentido, a portavoz do BNG pediu responsabilidade tanto ao Goberno galego como ao Goberno central.
“Non sei que esperan Feixóo e Sánchez para adoptar un confinamento. E o que vemos é que un sigue instalado na falta de anticipación e botando balóns fora, mentres que o outro parece máis pendente de facer campaña electoral co seu ministro de Sanidade que de conter a pandemia”, criticou.
Pontón atribuíu a resistencia do presidente da Xunta a un confinamento á “falsa dicotomía” entre saúde e economía, porque unha non é posible sen a outra como volveu demostrar a calamitosa estratexia de “salvar o Nadal”, da que Feixóo foi un abandeirado. “A solución é o confinamento como medida máis eficaz para cortar de raíz o contaxio, que debe acompañarse de axudas aos sectores máis afectados por parte das administracións públicas. O que non se pode é seguir con medias tardías, erráticas e sempre por detrás do virus”.
Recoñecemento ao persoal sanitario e vacinación
Xunto ao confinamento, a portavoz do Bloque volveu insistir na urxencia de planificar a campaña de vacinación, para contar co persoal necesario, cos medios e coa loxística ben definida para aplicar a vacina canto antes ao maior número posible de poboación. Pero mentres iso non é posible, a prioridade é controlar a pandemia e minimizar os contaxios, máxime agora cos anunciados problemas de subministro e demoras nas entregas previstas por parte das farmacéuticas.
Pontón volveu facer un recoñecemento público ao todo o persoal sanitario polo “extraordinario” traballo que está a desenvolver, un persoal en moitos casos exhausto que segue en primeira liña para coidar a saúde de todos e de todas. A mellor maneira de compensalos, declarou, é reforzar a sanidade pública dunha vez por todas, con máis medios humanos e materiais, tanto nos hospitais, nas UCIs como en atención primaria.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.