Ana Pontón pide a “intervención” da xunta e o goberno de Sánchez para evitar o peche de Alcoa

Cualifica de “fraude” o Plan Social e tomadura de pelo que a Xunta e Ministerio avalen o despedimento “barato” de 400 traballadores e traballadoras
Publicado por o día 13/01/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón pide a “intervención” da xunta e o goberno de Sánchez para evitar o peche de Alcoa

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que “nin Galiza nin a Coruña pode permitir que peche Alcoa”. Na manifestación que tivo lugar na cidade da Coruña, Pontón criticou a política que permite a perda continuada de postos de traballo no sector industrial e cualificou de “fraude” o Plan social  e de   “tomadura de pelo”   que a Xunta e Ministerio de Industria avalen o despedimento “barato” de catrocentos traballadores e traballadoras da factoría.

Para a portavoz do BNG,   Xunta e  Goberno central son “ responsables”  de non poñerse ao fronte dunha estratexia industrial que permita recuperar o futuro de Alcoa, porque a factoría, dixo,  é “viable”, só é preciso   vontade política para impedir o seu peche.Nesta liña, explicou que hai unha proposta enriba da mesa para que o Estado interveña nas fábricas e leve adiante o proceso de venda e  esixiu un “compromiso”  da   Xunta de Galiza e  Ministerio de Industria,  para impedir a perda de 400 postos de traballo na factoría coruñesa a través do ERE previsto para o vindeiro día 15.

A líder do BNG fixo un chamamento á responsabilidade e afirmou que  “Feixóo non pode seguir de perfil” nun asunto tan grave,  debe reaccionar para que se produza un cambio de actitude do Ministerio de Industria e buscar unha  solución urxente para Alcoa. Advertiu que xa estamos en  “tempo de desconto” e o Ministerio debe iniciar “unha intervención” para tomar o control de Alcoa e atopar  un comprador que garanta os postos de traballo e a viabilidade da factoría.

“En Galiza producimos electricidade a esgalla” e baixo ningún concepto, remarcou, podemos consentir que se perda un só emprego polo custe da enerxía eléctrica polo que volveu a reclamar “un novo marco regulatorio” que contemple “unha tarifa eléctrica galega e específica para as empresas electrointesivas”. Esta tarifa, asegurou daría  futuro non só a fabrica da Coruña senón tamén  a outras   empresas do mesmo ámbito.

Finalmente, Pontón manifestou que “xa está ben de ser cómplices de Alcoa” e  tanto a Xunta como o Ministerio deben colocarse do lado dos traballadores e traballadoras e non da multinacional.

Na manifestación que percorreu as rúas coruñesas contra o peche de Alcoa, a delegación do BNG encabezada pola súa portavoz tamén contou coa presenza do deputado no Parlamento galego, Xosé Luís Rivas, a vicepresidenta da Deputación da Coruña e candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera e a portavoz municipal do BNG no concello da Coruña, Avia Veira.