Ana Pontón pide facer historia cunha muller presidenta liderando un goberno leal co país e capaz de construír unha nova Galiza

Insta a unha mobilización masiva e a concentrar todo o voto do cambio galego no BNG. Apelación directa á xente moza para que conquiste o seu futuro nas urnas
Publicado por o día 10/07/2020 na sección de BNG,Política

Ana Pontón pide facer historia cunha muller presidenta liderando un goberno leal co país e capaz de construír unha nova Galiza

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu a capital do país para enviar a mensaxe final de campaña apelando a concentrar todo o voto do cambio galego no BNG e a facer historia cunha muller presidenta que lidere un Goberno coas mans libres para construír unha Galiza con oportunidades.

“O cambio galego é posible se concentramos todos os votos das persoas que queren unha Galiza con futuro na papeleta do BNG”, salientou nun acto acompañada polas persoas que encabezas as candidaturas, Xosé Luís Rivas, Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará. “Foi unha campaña na que a ilusión foi medrando arredor da candidatura que represento e sumar o voto no BNG é a clave para que haxa un cambio político con garantías o 12 de xullo”.

Un cambio real, destacou, “que significará tamén facer historia tendo por primeira vez unha muller presidenta liderando un goberno coas mans libres para defender os nosos intereses, e a receita para conseguilo é que todos os galegos e todas as galegas que queren que este país rompa co década gris do PP concentren o voto na papeleta do BNG”.

Pontón fixo unha apelación directa á xente moza e tamén ás persoas que non teñen decidido o seu sufraxio: “Quero dirixirme especialmente aos mozos e as mozas que nesta campaña se ilusionaron coa nosa candidatura e a todas aquelas persoas que aínda non teñen decidido o seu voto. É o momento de apostar por algo diferente, porque estamos vivindo un tempo de cambio para o que non valen vellas fórmulas, ao contrario, as políticas de sempre están destruíndo unha parte do noso país e non poden representar o futuro”.

Unha vez máis, a candidata á Presidencia pediu votar desde “a ilusión e a esperanza” para facer realidade esa outra Galiza posible e deixar atrás o inmobilismo decadente do PP. “O futuro e a esperanza está en que algo cambie este domingo e que ese cambio o lidere o BNG, porque non podemos permitir que Galiza siga na mesma atonía da última década, temos que ter confianza nas nosas propias forzas e nas nosas posibilidades, e por iso lle pido a xente moza que o 12X non quede na casa, que vaia votar con ilusión ao BNG para nunca máis ter que escoller entre a precariedade ou a emigración porque se merecen moito máis”.

A candidata destacou que este é un gran país pero necesita un goberno capaz de poñelo en marcha. “Somos un gran país, temos todo para ser a envexa de Europa e este domingo fagamos historia confiando en nós mesmas da man do BNG, poñendo por primeira vez unha muller na Presidencia e cun goberno que sempre, sempre, vai defender os intereses dos galegos e das galegas. Se teño a confianza do pobo galego darei o mellor de min mesma, estaremos a altura e faremos que a xente teña motivos para a esperanza a partir do 12X”.

Neste sentido, Pontón está segura de que este domingo “as mentiras e a incompetencia” do candidato do PP, -en particular na xestión da crise e do rebrote na Mariña-, van ter unha resposta contundente nas urnas. “A mellor resposta é unha gran participación que castigue a incompetencia e a mentira, sumando o voto no BNG, porque somos a garantía dun goberno coas mans libres para poder loitar polos nosos intereses, para aplicar novas políticas, aportar aire fresco, e con proxecto e compromiso de país”.

“Hai que ir votar con ilusión, con convicción, con orgullo, para conquistar o futuro e se todas as persoas que queremos cambio concentramos o voto no BNG teremos unha presidenta e un goberno que vai poñer en marcha un novo modelo produtivo en verde, que aposte pola investigación, polo emprego, polos servizos público e pola nosa lingua e cultura. En definitiva, un novo proxecto de país, unha nova Galiza”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.