A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro de traballo con alcaldes, alcaldesas e responsables municipais do BNG en Ferrolterra, no que tamén participou o deputado Ramón Fernández, para analizar unha comarca en estado crítico e baixo convocatoria de folga xeral. Tras o encontro, explicou as propostas nacionalistas para darlle futuro a unha comarca que paga as consecuencias “do abandono sistemático e continuado” por parte do Goberno da Xunta e do Goberno do Estado.
“O primeiro porque nunca tivo política industrial para esta comarca e porque carece dunha estratexia para salvar o tecido industrial e produtivo de Ferrolterra. E o segundo, porque leva décadas practicando unha política de desmantelamento do sector naval e un historial de incumprimentos sistemáticos coa comarca”, denunciou a nacionalista.
Fronte a iso, alegou, “o que precisa Ferrolterra é compromiso político, o compromiso de todas as forzas políticas para sacar adiante un proxecto de futuro para esta comarca, compromiso político para defender o mesmo nos concellos, no Parlamento, no Congreso e ante a UE. Menos promesas e máis feitos, precisa estratexia industrial, proxectos empresariais, recuperar a ría como sector produtivo”.
“De nada valerán fotos, nin máis mesas sociais, nin máis anuncios de ningún tipo se despois falta compromiso político real para sacar adiante as propostas que precisa Ferrolterra, de nada valen senón se defende esta comarca ante o Goberno da Xunta e ante o Goberno do Estado. De nada valen os anuncios se dis unha cousa e a contraria en función de que se sente na Moncloa e se adoptan decisións en contra da comarca”, afondou.
Neste sentido, Pontón destacou que o BNG defende a comarca en todos os foros, en todas as institucións, goberne quen goberne, e avanzou que a formación “vai activar toda a súa capacidade política, institucional e social a favor desta comarca desde os concellos, desde o Parlamento, desde o Congreso, nunha fronte institucional para responder ao SOS que lanzan os sindicatos en forma de folga xeral”.
Ferrolterra ten futuro, recalcou, pero para iso “fai falta compromiso político, estratexia industrial, proxectos empresarias alternativos, plans de apoio aos sectores produtivos con investimentos concretos e menos fotos, menos propaganda e menos promesas que acaban en saco roto”.
Pontón puxo o foco en catro cuestións que a formación nacionalista considera urxentes: Endesa, Navantia, Siemens-Gamesa e a ría.
En relación á térmica das Pontes, reprochou a Goberno central e Xunta que non tivesen alternativa ante a posibilidade de que Endesa confirmase o peche alegando que a inviabilidade dos biocombustibles. Tirar a toalla non é unha opción, “hai que buscar proxectos alternativos con cargo aos fondos de transición enerxética e aos fondos europeos de recuperación”, indicou. Igualmente, propuxo que os 1.400 MW que quedan libres propiedade de Rede Eléctrica Española se adxudiquen poñendo como condición a creación de emprego.
Vincular autorizacións eólicas ao emprego
No que afecta a Navantia, o Bloque defende poñer en marcha canto antes un complexo integral de construción naval que lle permita entrar de cheo na construción no sector civil. A comarca conta co persoal cualificado e coas infraestruturas, só resta compromiso político para levar a cabo o que sería unha auténtica diversificación industrial.
A formación nacionalista ve posible impedir a deslocalización de Siemens-Gamesa, se os partidos estatais deixan de boicotear as iniciativas do BNG para que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no país, e establecendo que unha parte dos compoñentes deben fabricarse en Galiza.
En canto a situación de “colapso” da ría, cunha produción que apenas supón un 10% da que existía hai tan só dez anos, o BNG acaba de presentar o Proxecto de recuperación ambiental e produtivas das rías galegas, entre elas a de Ferrol, cun investimento de 1.096 M€ financiables con fondo de recuperación europeos. Unha oportunidade que nin esta comarca, nin Galiza debe deixar pasar para a rexeneración integral da súas rías, un sector estratéxico en termos económicos e sociais.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.