Ana Pontón pide modificar os orzamentos para destinar 200 M de euros á sanidade pública

A portavoz nacional do BNG manifesta que a “vacina” contra os recortes do PP e Feijóo, son as mobilizacións sociais e fai un chamamento a participar na vindeira manifestación do día 4 de febreiro en Compostela en defensa da sanidade pública
Publicado por o día 24/01/2018 na sección de BNG,Política

Ana Pontón pide modificar os orzamentos para destinar 200 M de euros á sanidade pública

Na concentración convocada hoxe nas inmediacións do Hospital do Salnés  en defensa da sanidade pública galega, a portavoz nacional  do BNG, Ana Pontón reclamou “parar a contrarreforma da lei de saúde” que elimina a área sanitaria do Salnés e anunciou que nos vindeiros días, o BNG rexistrará unha iniciativa no Parlamento  para reclamar “unha modificación dos Orzamentos” co fin de recuperar 200 millóns de euros para a sanidade pública galega e concretamente para Atención primaria.

A nacionalista manifestou  que  os colapsos nos servizos de Urxencias son consecuencia dos recortes na Atención primaria, extensas listas de espera e colapsos que tamén se producen nas probas diagnósticas o que obriga ás persoas  doentes a buscar outras saídas  e criticou que o Partido popular e o presidente Núñez Feijóo “culpen aos cidadáns por enfermar”.

As políticas do PP, explicou, eliminaron 3.000 profesionais e impuxeron un 15% de recursos menos  para a rede comarcal e atención primaria, moitos pacientes non poden pagar as medicinas, as listas de espera seguen medrando e os médicos e médicas cada vez soportan máis recortes polo que fixo un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo día 4 de febreiro en Santiago de Compostela en defensa do que máis nos importa, “o dereito á saúde das persoas e que a ninguén, por motivos económicos non poida curar unha enfermidade”

A nacionalista reiterou que a concentración en defensa da área sanitaria do Salnés e da sanidade pública precisa de “apoios, investimentos e mellorar os seus  recursos” fronte ás “privatización e recortes do Partido popular”. Feijóo, recalcou Pontón “ten unha folla de ruta para desmantelar o sistema sanitario cun único fin, “beneficiara á sanidade privada”.