Ana Pontón pide sumar o voto no BNG para dar voz a Galiza e quitarlle escanos á dereita antigalega

Segura de superar as enquisas, apela ás persoas indecisas, “votasen o que votasen noutras ocasións”, porque é a única opción que garante defensa do país e frea á dereita de Colón
Publicado por o día 21/04/2019 na sección de BNG,Política

Ana Pontón pide sumar o voto no BNG para dar voz a Galiza e quitarlle escanos á dereita antigalega

A punto de entrar na semana final de campaña, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin da Estrada para lanzar unha dobre mensaxe: Redobrar a mobilización e sumar no BNG todos os votos das persoas que queren que Galiza teña voz no Estado e, ao mesmo tempo, queren frear a dereita españolista á que disputa escanos.

“Fago un chamamento a sumar o voto no BNG a todas as persoas que levan Galiza  na cabeza e no corazón porque somos a opción real para recuperar voz propia en Madrid e para frear a esa dereita carca, machista e antigalega quitándolle os escanos que lle disputamos na Coruña e en Pontevedra e evitar a súa entrada neste país”, demandou.

Pontón salientou que a remontada é imparable e falou do “efecto BNG”, como definiu esa “corrente de simpatía” que recollen até as enquisas, “porque son maioría as persoas que botaron de menos ao Bloque no Congreso despois destes catro anos de discriminación das forzas estatais”.  Neste sentido, fixo un chamamento para “redobrar” a mobilización na recta final de campaña e fixo unha apelación ás persoas que aínda non teñen decidido o voto e que, noutras eleccións, no tiveron ao BNG como primeira opción.

“Pídovos que nos mobilicemos con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo, que chamemos a todas as portas e apelemos a todas esas persoas, nacionalistas ou non, votasen o que votasen noutras ocasións, pero que queren que Galiza conten e queren frear a involución”, indicou.

Segura de superar as enquisas, Pontón salientou o dobre valor do voto ao BNG: “A todas as persoas que queren unha Galiza con decisión no Estado pero que tamén están preocupadas por esa dereita tirada ao monte, aquí esta o BNG, un proxecto solvente coa man tendida capaz de pecharlle a porta a esa dereita que vimos en Colón”, concluíu.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que levará ao Congreso as reivindicacións da Deza-Tabeirós-Terra de Montes con “forza e firmeza”, ausentes na última lexislatura porque a comarca estivo “orfa dunha voz galega que se fixese oír para defender as súas demandas”.

Da Silva subliñou que o BNG representa para a veciñanza desta comarca a dobre garantía de que os seus asuntos, as súas prioridades van ter eco na Cámara baixa  e tamén é garantía de defensa dos dereitos e das liberdades.  “Hai que sumar no BNG todos os apoios para defender Galiza, pero tamén para frear á dereita rancia coa que nos xogamos o escano nesta provincia”.

Infraestruturas viarias

A candidata instou “a non desperdiciar”  a oportunidade do 28A, “porque sería un erro histórico que o país quedase sen representación en Madrid cando vascos, canarios, cataláns, valencianos si van estar. Galiza non pode ser menos”, declarou.

Entre os compromisos a defender ante o Goberno do Estado, a proposta dunha AP53 libre de peaxe e mellorar a N-640 ao seu paso polo Concello da Estrada.  “Estamos ante unha vía urbana con tráfico denso e seis semáforos no núcleo da vila o que non concorda co que debe ser unha estrada estatal”. Ademais, recalcou, precisa maior seguridade viaria.

Igualmente, lembrou que a construción dunha variante “que sempre foi unha reivindicación nos orzamentos do Estado”, e destacou a urxencia de mellorar a N525 entre Lalín e Santiago de Compostela, única vía alternativa “á carísima AP53” cunha enorme saturación de tráfico “coa violencia viaria que iso supón”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.