Ana Pontón propón un gran acordo de país para a reactivación económica e social de Galiza ante o Círculo de Empresarios en Vigo

Avanza que un goberno liderado polo BNG fará unha aposta estratéxica pola I+D+i duplicando investimento en catro anos
Publicado por o día 17/06/2020 na sección de Eventos

Ana Pontón propón un gran acordo de país para a reactivación económica e social de Galiza ante o Círculo de Empresarios en Vigo

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Vigo nun almorzo informativo no Círculo de Empresarios encontro que aproveitou para propoñer un “gran acordo de país” para a reactivación económica e social da Galiza post COVID19 que sume as forzas políticas, aos axentes sociais, universidades baixo a batuta dun Goberno galego que aspira a liderar tras o 12 de xullo.

“Estamos nun momento de crise, nun momento decisivo que vai marcar o futuro e non podemos seguir cun país parado, porque iso implica seguir perdendo posicións”, salientou, “Galiza ten que decidir en que liga quere xogar e a clave ten que basearse na ciencia e na innovación que será unha cuestión prioritaria dun Goberno do BNG: duplicar o investimento en I+D+i en catro anos e crear mecanismos de para reter e captar talento e poder transferir o coñecemento ao tecido económico e social, un InnoGal a semellanza do ICRE ou do Ikerbasqué que xa funcionan con excelentes resultados en Catalunya e Euskadi”, explico.

No encontro co empresariado, no que tamén participaron alcaldes, alcaldesas e responsables políticos do BNG, Pontón recalcou que non hai “solucións simples nin fáciles” para manter actividade económica, emprego e xustiza social, pero destacou o seu compromiso de liderar un goberno que actúe como “catalizador positivo” do tecido produtivo.

“A riqueza do país a xera o tecido empresarial e a clase traballadora e o Goberno ten que ser un catalizador en positivo, precisamos un aparello produtivo eficaz para afrontar o reto dun mundo globalizado e nunha economía competitiva”, alegou. Igualmente, subliñou o seu convencemento de que as empresas “deben estar en igualdade de competir, principio que se altera se teñen un trato preferente da Administración ou cando se aplican condicións laborais precarias e de baixos salarios”.

“Hai que ter en conta a capacidade real do Goberno que no caso de Galiza ten competencias limitadas no ámbito económico polo Estado e a UE, pero non se impide, dentro do actual marco competencial, utilizar a capacidade de incidencia en cuestións como as infraestruturas, solo empresarial e planificación para facilitar a actividade económica e a xeración de emprego.

Pontón tamén resaltou a educación e a formación laboral como elementos clave, lastrados pola emigración de xente moza e con talento, de feito nos últimos once anos Galiza perdeu un 10% da poboación activa, “hai sectores produtivos como a construción, pesca, naval que ten dificultades para atopar persoal formado e iso é unha cuestión que urxe solucionar”.

Finalmente, a candidata á Presidencia destacou que a administración “ten que ser áxil, sen burocracias, para que poda atender con rapidez e eficacia as demandas dos proxectos empresariais. Queremos axilizar o funcionamento da administración para poder potenciar o mellor do país e por iso hai que reformular algún dos instrumentos que ten a Xunta como o Igape para axudar a desenvolver o sectores produtivos”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.