Ana Pontón propón unha mesa de diálogo coa comunidade educativa para organizar o curso académico 20/21 coas máximas garantías

Avanza como medida de Goberno acabar coa fenda dixital nas familias con axudas para adquisición de material informático e conectividade á rede: “Non pode haber alumnado de primeira e de segunda en función dos ingresos”
Publicado por o día 19/06/2020 na sección de BNG,Política

Ana Pontón propón unha mesa de diálogo coa comunidade educativa para organizar o curso académico 20/21 coas máximas garantías

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, mantivo un encontro cunha nutrida representación da comunidade educativa na Coruña, co IES e centro escolar Eusebio da Guarda de fondo, para abordar unha cuestión que preocupa a miles de familias: a organización do curso escolar 20/21 tendo en conta o contexto xerado pola COVID19.

Neste sentido, avanzou como proposta de goberno a posta en marcha dunha mesa de diálogo que inclúa ao persoal docente, alumnado e ANPAS para organizar o vindeiro curso académico prevendo dous escenarios: o actual de pandemia baixo control e como actuar en caso de rebrote.

“Un goberno responsable estaría xa traballando con dous escenarios posibles: o dun curso dentro dunha normalidade alterada pero con docencia presencial e o da posibilidade de que un rebrote fixera necesario implantar, en maior ou menor grado, a teledocencia. E, neste caso non se pode volver repetir a improvisación destes meses nin a discriminación entre o alumnado en función dos recursos das súas familias”, indicou.

Neste sentido, Pontón avanzou que o BNG porá en marcha unha liña de axudas para “acabar coa fenda dixital das familias” aportando recursos directos ás familias “para sufragar a compra de material informático e a conectividade á rede, non pode ser que haxa alumnado de primeira e de segunda en función dos recursos económicos dos seus pais e nais, deben contar cos mesmos medios á hora de ter acceso á educación e á formación”, recalcou.

Pontón tamén avanzou outra serie de medidas concretas par organizar o vindeiro curso académico coas máximas garantía sanitarias, entre elas formar e reforzar o persoal docente, “porque é evidente que será necesario ampliar quendas, horarios e aulas para que as clases podan impartirse respectando a distancia de seguridade e, para iso, hai que baixar a ratio de alumnos por clase”, indicou, ao que tamén sumou a proposta de definir un protocolo de actuación para os centros. Igualmente, Pontón tamén propuxo definir un protocolo concreto para a utilización de servizos básicos como o transporte ou o comedor escolar, “esencial para moitas familias do país”.

A líder nacionalista foi moi crítica coa inacción política de Feixóo ante unha cuestión de tanta transcendencia. “Moitos pais e nais se preguntan como vai ser o próximo curso escolar, pero o candidato do PP segue, unha vez máis, ausente e botando balóns fora”. “A súa gran aportación, -ironizou-, foi a de pedir que os fondos previstos para educación polo pandemia se puidesen destinar a outros gastos, o mesmo Feixóo que leva dez anos de recortes na educación pública”.

Reforzar o sistema público fronte aos recortes

“O curso escolar ten que reiniciarse coas máximas garantías sanitarias para o alumnado e para o profesorado e Feixóo non pode dicir que non hai cartos despois de ter pedido poder desviar fondos de educación, despois de once anos de recortes e non pode dicir que non hai cartos quen esta de brazos cruzados en lugar de conseguir que Galiza reciba un trato xusto nos fondos do Estado e dos fondos de Europa, que é o que faría un goberno responsable”, alegou.O BNG, explicou Pontón, aposta de xeito claro polo ensino presencial, porque o alumnado recibe coñecementos pero tamén aprende a relacionarse, fai amizades, convive, comparte e se enriquece co contacto cos compañeiros e compañeiras de clase, pero é evidente que hai que estar preparado tamén para a teledocencia e neste sentido, é urxente corrixir a fenda dixital que soportan as familias con menos recursos, insistiu.

Bolsas no ensino superior

Outra cuestión que preocupa ao BNG, neste caso en relación ao curso no ensino superior, e como pode afectar a situación económica en que están agora moitas familias tras a pandemia, tendo en conta que moitos país e nais viron reducidos os seus ingresos, están nun ERTE ou mesmo perderon o seu emprego. Para evitar que iso lastre a formación dos seus fillos e fillas, “propoñemos que para a concesión de bolsas de estudo se teña en conta a situación económica actual e non a declarada na renda de 2019, porque a situación económica de moitas familias mudou e tanto as universidades como as Administracións deben telas en conta”.

“Todas estas son cuestións nas que tiña que estar ocupado e preocupado o presidente da Xunta e candidato do PP, desde logo o BNG ten claro que outra das ensinanzas que nos deixa a COVID19 é a necesidade de reforzar o sistema de educación público e ese será unha prioridade para o goberno que aspiro a liderar tras o 12 de xullo”, concluíu, tras unha xuntanza coa comunidade educativa á que tamén asistiu o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, e a tamén candidata e docente, Mercedes Queixas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.