Ana Pontón: “Quen queira cambio galego que me siga”

Mensaxe directa á mocidade e ás persoas indecisas: “é o momento de votar BNG con esperanza, con ilusión e con orgullo para ganar nas urnas un futuro mellor”
Publicado por o día 10/07/2020 na sección de BNG,Política

Ana Pontón: “Quen queira cambio galego que me siga”

No corazón da Coruña, na emblemática Praza de María Pita, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo un chamamento final á mobilización masiva de todas as persoas que queren abrir un tempo novo, ás que pediu concentrar no BNG todo o voto do cambio real: “quen queira cambio galego que me siga!”, proclamou, tomando prestada como tributo a frase da heroína coruñesa para apelar “a confiar nas nosas propias forzas para construír unha nova Galiza”.

“Quero pedirvos que fagamos historia concentrando no BNG todo o voto do cambio galego, que fagamos historia cunha muller presidenta liderando un goberno coas mans libres para defender o noso futuro, o futuro da xente moza; que fagamos historia votando con ilusión, con esperanza, con orgullo para construír unha Galiza na que vivir e traballar, na que soñar. Fagamos historia votando BNG”, solicitou ante unha praza entregada.

Pontón destacou a “ilusión” xerada ao longo da campaña cara a candidatura que encabeza, que foi medrando día a día e, neste sentido, fixo un agradecemento público a todos os apoios recibidos en cada acto, en cada mitin, en cada encontro e tamén nas redes sociais. “Militantes e non militantes, quero agradecer todo o traballo, todo o cariño e todo o apoio recibido ao longo desta campaña, coa vosa forza o cambio galego será unha realidade o 12 de xullo, será imparable”.

Neste sentido, a candidata do Bloque pediu non deixarse influír polos que din que o resultado está escrito: “non aceptades un non, non aceptedes que vós digan que non hai futuro, porque o futuro non se escribe nas enquisas, o futuro escribímolo todos e todas, o pobo galego enchendo as urnas de votos BNG, para facer historia, para ter un goberno leal con este país e coa súa xente, liderado por unha presidenta. Por todo isto, este 12X imos dicir si, si ao cambio galego, si a ter futuro, si a Galiza!”.

E tamén queda descartado aceptar un non cando se trata de defender os intereses da Coruña, indicou, tras destacar como exemplo a coraxe do historiador e candidato Carlos Babío na súa loita pola memoria histórica. “E o goberno que aspiro a liderar tampouco vai aceptar un non cando se trate de devolverlle á cidade os terreos do porto, ou cando se trata de darlle un futuro industrial a Coruña, ou cando se trate de acabar coa estafa da AP9, ou de rexenerar as rías, ou de defender que os recursos do país revertan no país para xerar riqueza e emprego”, alegou.

Para facer historia, Pontón fixo unha apelación directa á xente moza “para conquistar nas urnas o futuro que vós merecedes, non poden seguir roubándovos o futuro os mesmos de sempre, coas mesmas políticas fracasadas de sempre, mereces un futuro digno, no que non teñades que elixir entre precariedade ou coller as maletas, e quero construír con vós ese futuro que merecedes”, proclamou.

Que ninguén que queira cambio galego quede na casa

E a menos de 48 horas coas urnas, a candidata do BNG fixo tamén un chamamento ás persoas que aínda non decidiron o seu sufraxio. “Que ningún voto do cambio galego quede na casa, que non se perda ningún voto do cambio real e quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta nun goberno que mire polo noso. Quero pedirvos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para, a partir do 12X, empezar a poñer unha nova Galiza en marcha”.

A diferencia do candidato do PP, Pontón comprometeuse a ser unha presidenta “que sempre vou dicir a verdade e que sempre vou dar a cara cando haxa problemas”, alegou, tras salientar que este país non se merece un presidente “irresponsable” que actúa con “calculo electoralista” mesmo poñendo en risco a saúde das persoas como está pasando co rebrote da Mariña.

“Estou segura que tanta irresponsabilidade e tanta mentira van recibir a resposta que se merece na urnas tanto na comarca da Mariña como no resto do país”, salientou, “merecemos unha presidenta que diga sempre a verdade e que sempre poña por diante a saúde das persoas”.

“Se toda as persoas que queremos abrir un tempo novo expresamos ese desexo nas urnas, o cambio galego é imparable e conseguiremos algo tan revolucionario como darlle a Galiza un goberno coas mans libres para defender á xente deste país liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia. Imos dar a sorpresa o 12X ”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.