Ana Pontón reclama na Mariña unha Tarifa Eléctrica Galega en beneficio de Alcoa e das empresas da comarca

Compromiso do BNG para saldar a débeda histórica en infraestruturas ferroviarias e por estrada nesta parte da provincia de Lugo
Por o 04/03/2017 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
Ana Pontón reclama na Mariña unha Tarifa Eléctrica Galega en beneficio de Alcoa e das empresas da comarca

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu unha tarifa eléctrica galega para que as empresas e familias do país se beneficien do feito de ser Galiza produtora excedentaria de enerxía eléctrica, un aspecto que no caso da Mariña lucense é especialmente importante dada a presenza de empresas de alto consumo enerxético como Alcoa.

“Non ten sentido estar nun país que produce enerxía a esgalla sen obter ningún beneficio, porque así o impón o Goberno central do PP coa submisión cómplice da Xunta de Feijóo”, criticou Pontón, “é unha decisión política a que nos impide ter beneficios dos nosos propios recursos, e temos que pagar pola luz o mesmo que calquera outro territorio do Estado que non produce nada e que non ten ningún custe ambiental”.

Neste sentido, Pontón contrapuxo a submisión de Feijóo a Madrid, a do Goberno municipal do Concello de Muras liderado polo nacionalista Manuel Requeixo, que trasladou os beneficios que xeran os aeroxenerados de enerxía eólica á veciñanza, agora coa luz gratis ou con importantes descontos na factura.

No caso de Alcoa, unha tarifa propia deixaría a empresa sen a desculpa dos custes eléctricos para sementar dúbidas sobre a súa continuidade, nunha comarca na que xera 2.000 empregos directos e a través das auxiliares. Pero non só a fabricante de aluminio se vería beneficiada, moitas empresas locais do sector pesqueiro, igualmente grandes consumidores de enerxía, terían vantaxe coa tarifa eléctrica galega.

A portavoz nacional tamén falou de infraestruturas na súa intervención no acto aberto á cidadanía organizado polo BNG en Burela, en particular das deficiencias en materia ferroviaria e de autoestradas, “unha débeda histórica coa Mariña que desde o Bloque estamos empeñados en que se salde para acabar cos problemas de incomunicación da que debería ser, polo seu potencial económico e social, unha das zonas de maior puxanza do país”, salientou.

Pontón puxo en valor a campaña do Bloque reclamando melloras no transporte por ferrocarril, en particular nas liñas FEVE, “cuxo estado é máis propio do século XIX que do  XXI”, ademais de destacar “o sen sentido de que sexa máis fácil viaxar desde Galiza a Madrid que entre Burela e Lugo por tren”. Igualmente, fixo referencia aos problemas a A8 no Fiouco ou a falta de enlaces cara Viveiro e Barreiros desde o corredor da Mariña.

Concerto económico

Pontón aproveitou o acto para explicar unha das propostas de máis calado do BNG: O modelo de financiamento que precisa Galiza: O concerto económico que, en palabras da dirixente do Bloque, consiste en ter o control e a xestión total de todos os recursos de Galiza, -vía impostos ou transferencias-, e facer contas co Estado ao final de cada exercicio aportando a facenda central a cantidade que corresponda.

Con este sistema Galiza disporía de 3.500 millóns de euros adicionais que permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais e permitiría ademais contar cos recursos necesarios para apoiar aos sectores produtivos do país, como no caso do sector agrario e pesqueiro, tan importantes na Mariña.

Ante militantes e simpatizantes, a dirixente nacionalista puxo en valor o proxecto que representa o BNG en defensa dos intereses dos galegos e das galegas, “cun proxecto político desde nós e para nós, que ten a cabeza e o corazón en Galiza” e que, a día de hoxe, “é máis necesario ca nunca para traballar por un futuro digno para este país”, concluíu.