Ana Ponton reta Feixoo a demostrar que non vai de farol en autogoberno

Pontón: “Veremos se Feixóo se autoemenda e muda dez anos de estratexia recentralizadora ou é só un exercicio de travestismo político”
Publicado por o día 04/02/2019 na sección de BNG,Política

Ana Ponton reta Feixoo a demostrar que non vai de farol en autogoberno

O BNG quere un cambio de marco institucional para superar un Estatuto convertido “nun traxe estreito”, pero mentres aposta por incrementar o autogoberno a través dunha ofensiva para reclamar o máximo teito competencial que arranca con tres propostas: transferencia de salvamento marítimo, tráfico e seguridade viaria e novo modelo de financiamento autonómico.

A primeira das propostas está en disposición de ser debatida no próximo pleno e porá a proba as intencións reais do presidente da Xunta, despois de que o PP apoiase unha proposta do BNG para que Galiza teña as mesmas competencias que Euskadi e Catalunya.

“Veremos se Feixóo, que durante dez anos foi fiel seguidor da estratexia recentralizadora do PP, se aplica unha autoemenda á totalidade aproveitando o cambio de Goberno no Estado ou se estamos ante un exercicio de travestismo político, se realmente quere máis poder para Galiza sumándose ás propostas do Bloque ou só foi flor dun día”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

Tendo en conta a volubilidade do xefe do Executivo, “capaz de votar unha cousa pola mañá e a súa contraria pola tarde”, ironizou Pontón, o BNG espera que o PP comprobar as verdadeiras intencións do PP no próximo pleno ante a proposición de lei nacionalista a favor da transferencia da competencia de salvamento marítimo. “15 anos despois da catástrofe do Prestige, non temos nin unha base nas nosas costas”, alegou.

Entre as prioridades do Bloque está tamén conseguir a competencia de tráfico e seguridade viaria tendo en conta a desastrosa xestión que fai o Estado en Galiza, cunha Dirección xeral e tráfico que, basicamente, reduce a súa actuación “a facer caixa” cosendo a multas aos galegos e as galegas, que nos últimos cinco anos pagaron 80€ de multa de media, tres veces máis que os madrileños. De feito, entre 2012-2017, o Estado recadou aquí 214 millóns de euros en sancións.

Ademais, alertou Pontón, esa mala xestión afastada da realidade do país non é allea ao incremento do número de accidentes e de vítimas mortais nas estradas galegas: “Desde o Estado non dan solución á seguridade viaria, precisamos aplicar políticas propias”, recalca a dirixente nacionalista. E para completar o cadro, os condutores e condutoras pagan entre os seguros máis caros nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Recadar e decidir o gasto

Dentro desa ofensiva competencial, o Bloque considera urxente mudar o actual modelo de financiamento autonómico,  “insuficiente e discriminatorio”, que vai a peor porque cada vez chegan menos recursos. Hai dous modelos posibles, indicou a líder do BNG: o actual no que o Estado recada e decide ou apostar por outro no que recade e decida Galiza, como fan Euskadi ou Navarra.

“Pensamos que este é o sistema que lle convén ao noso país para acabar coa insuficiencia crónica que nos discrimina”, argumentou Pontón apostando polo concerto económico, que aportaría moitos máis recursos. “Só con que Galiza xestionase o imposto de sociedades recibiría 1.700 M€ anuais para sanidade, educación, dependencia ou para mellorar  as pensións”, explicou.

O debate da proposición de lei do BNG no próximo pleno permitirá “testar se o PP ten vontade de autoemendarse tras unha década na que non solicitou nin unha soa transferencia ou se estamos ante un paripé aproveitando o cambio na Moncloa”, recalcou a dirixente do Bloque, lembrando que hoxe mesmo Feixóo vai render contas a Pablo Casado no comité executivo do PP.

“Compraremos se hai vontade para defender os intereses de Galiza ou se estamos ante a enésima pirueta, ante o enésimo exercicio de travestismo político de Feixóo”, concluíu, salientando que “ter poder político é crucial para mellorar a vida das persoas do noso país”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.