Ana Pontón: “Ten que ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza para dar solucións aos problemas da xente do país”

Avanza unha oposición rigorosa no control pero máis propositiva que nunca cun BNG que triplicou escanos: “a cada crítica unha proposta”
Publicado por o día 07/08/2020 na sección de BNG,Política

Ana Pontón: “Ten que ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza para dar solucións aos problemas da xente do país”

Os 19 deputados e deputadas do BNG tomaron hoxe posesión do escano declarando o seu compromiso “a ser fiel a Galiza, a defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e dos galegos e a súa liberdade”, nunha lexislatura, a undécima, marcada pola COVID19 pero, sobre todo, polas duras consecuencias económicas e sociais da pandemia.

Así o salientou na súa comparecencia ante os medios a portavoz nacional, Ana Pontón, declarando que “son tempos difíciles nos que a maioría dos galegos e das galegas está preocupada polo seu futuro, polo seu traballo, porque non saben se van poder manter aberto o seu negocio, preocupadas pola saúde, preocupada porque non saben que vai pasar cos seus fillos e fillas no curso escolar, preocupada polo coidado das persoas maiores”, explicou.

Por iso, é preciso que o Parlamento estea “á altura” e que esta sexa a lexislatura dos grandes acordos de país.

“Desde o BNG pensamos que esta debe ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza, pensamos que este tempo require diálogo, negociación, require sumar para erguer Galiza e sacar ao país da grave crise económica e social que ten a miles de galegos e de galegas angustiadas polo seu futuro. E tempo de altura de miras para darlle solucións aos problemas reais da xente”, subliñou Pontón.

E neste sentido, a líder nacionalista avanzou que o Bloque vai traballar desde o minuto cero desde a colaboración, “coa man tendida para sacar adiante os acordos de país que Galiza necesita, desde unha oposición construtiva” cunha representación reforzada tras obter o triplo de escanos. “Imos facer un labor de oposición rigoroso no control pero máis propositiva que nunca: a cada crítica, unha proposta; a cada problema que denunciemos presentaremos unha alternativa de solución”.

“Esta foi sempre a maneira de traballar do BNG e así será con máis forza nesta Lexislatura. Temos que estar á altura dunha maioría social que quere solucións”, recalcou, “porque non está o país nin para seguidismos partidarios, nin para confrontacións inútiles, nin para absolutismos xordos e cegos. Esta debe ser, insisto, a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza, porque son tempos de aportar solucións de futuro e nesa dirección imos traballar no BNG”. Pontón destacou que o BNG asume “con moita responsabilidade a confianza reforzada que nos deron os galegos e as galegas”.

Como xa é tradicional, portando un exemplar do Sempre en Galiza e cun caravel vermello, os deputados e deputadas asumiron a súa representación no Parlamento, coa excepción da deputada por Ourense, María González Albert, que non puido asistir por estar no hospital a punto de dar a luz.

Mesa de idade conformada polo BNG

A mesa de idade ao completo estivo conformada por representantes do Bloque, tanto o de máis idade, Xosé Luís Rivas, como os dous máis novos: Paulo Ríos e Daniel Castro, este último deputado por Ribadeo, que portou en todo momento unha chaqueta do uniforme laboral de ALCOA, en solidariedade cos e coas traballadoras da factoría de San Cibrao que hoxe se manifestaron ás portas da Cámara.

Para eles tivo tamén unhas palabras a portavoz nacional, que foi recibida na concentración polos manifestantes coreando “presidenta, presidenta”. Ante eles volveu comprometer o total apoio do BNG para evitar o peche das cubas e garantir a produción e os 1.5000 empregos directos na fábrica da Mariña. “A solución é clara: nacionalización cunha intervención pública da Xunta e do Estado e tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio enerxético. Precisase unha solución política, xa e imos deixarnos a pel para conseguila”, sentenciou Pontón.

Comentar noticia

Your email address will not be published.