Ana Pontón tende a man a Feixóo para consensuar un acordo de país para loitar contra os incendios

Advirte que Galiza segue igual de indefensa ante unha vaga de lumes como a que causou a catástrofe do 15-O pola falta de medidas da Xunta.
Publicado por o día 26/04/2018 na sección de BNG,Galicia,Política

Ana Pontón tende a man a Feixóo para consensuar un acordo de país para loitar contra os incendios

Ás portas da temporada de risco Galiza segue igual de indefensa ante o lume que fai seis meses cando ardía polos catro costados, e hoxe volvería sufrir as mesmas tráxicas consecuencias de repetirse a vaga incendios que asolou o país naquel fin de semana de outubro.

Por iso,  a portavoz nacional, Ana Pontón, ofreceu ao presidente da Xunta “man tendida” do BNG para sacar adiante un acordo que permita enfrontar “o maior problema medio ambiental que ten Galiza” e confía que, nesta ocasión, o PP abandone o seu “sectarismo político” en beneficio do país.


A proposta que formula o Bloque inclúe en primeiro lugar, dotar aos concellos de xeito inmediato dos recursos necesarios para executar as franxas de seguridade, un dispositivo de prevención e loita contra os lumes 100% público contratado pola xunta, profesionalizado e con mando único, e un teléfono vermello de coordinación para que alcaldes e alcaldesas podan coordinarse ante unha emerxencia.

A man tendida do BNG tamén inclúe medidas a medio e longo prazo que supoñan un xiro de 180 grados na política forestal pirómana e de abandono do monte practicada polo PP ao longo de trinta anos de goberno.

Neste sentido, Pontón reclamou a Feixóo un Plan forestal consensuado partindo dunha moratoria na plantación de eucalipto nas zonas de alto risco e a recuperación das 35.000 Has ilegais plantadas en terras agrarias. Igualmente, un plan para limpar o monte e mudar o abandono actual por un aproveitamento multifuncional e,  finalmente, un Plan territorial integrado que ordene o monte fronte aos incendios, similar ao que existe para o litoral galego.

Na sesión de control ao presidente, Pontón reprochou a Feixóo a súa inacción despois da catástrofe do 15-O, porque “non fixo nada real para marcar un antes e un despois da catástrofe” salvo “emprender unha fuxida cara adiante” co seu enroque na trama terrorista pese ao desmentido da Fiscalía  “para eludir a súa responsabilidade”.

Tamén lle recriminou que, un ano máis, o Pladiga se presente “tarde e mal, sen consensuar, repetindo o esquema do corta e pega, sen analizar o que fallou para aprender dos erros, e todo cando estamos ante lumes de nova xeración e en pleno cambio climático. Tampouco incrementa o persoal, e mantén un dispositivo fragmentado e precario, que non pode facer labores de prevención todo o ano”.

Apagón informativo RTVG

Pontón tamén lembrou o “apagón informativo” dos medios públicos e a falta de coordinación cos rexedores ante unha emerxencia. Por contra, a Xunta ultima un novo plan forestal “que receita máis eucalipto” cando o actual xa supera en 230.000 o número de Has. prestas para esta especie, “de novo as portas xiratorias de ENCE, esa corrupción en A”, denunciou.

A loita contra o lume e a ordenación do monte é vital para o futuro do medio rural e do conxunto de Galiza, polo que o BNG ofrece a súa colaboración ao goberno, nas antípodas do sectarismo político demostrada polo PP desde a chegada de Feixóo,  que o levou a suprimir o banco de terras, as UXFOR e as axudas para promover un monte multifuncional.

“Forman parte da memoria colectiva as fotos do señor Feixóo con manguerita e as súas declaracións nun mitin presumindo que co PP non morría xente nos incendios”, denunciou Pontón, cando o que precisa Galiza é afrontar entre todos un problema ambiental que ameaza o futuro do país.