Ana Pontón tilda de atentado terrorista contra o patrimonio o incendio provocado no estaleiro de Moaña

Súmase á contundente resposta da maioría social e do goberno local en contra de calquera violencia. Pedirá a Xunta “man tendida” para rehabilitar este espazo e convertelo en museo
Publicado por o día 13/06/2017 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Ana Pontón tilda de atentado terrorista contra o patrimonio o incendio provocado no estaleiro de Moaña

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “atentado terrorista contra o patrimonio” o incendio provocado que arrasou en Moaña esta fin de semana o estaleiro de carpintería de ribeira localizado neste concello, que o Goberno local pretendía converter en museo recuperando un espazo de gran valor patrimonial e cultural no que xa se desenvolvía unha intensa axenda de actividades.

A alarma social provocada por este asunto motiva a decisión do BNG de levar este tema ao Parlamento por vía de urxencia, para que sexa tratado na Cámara a vindeira semana, como anunciou a dirixente nacionalistas tra a reunión Xunta de Portavoces.

“A pregunta urxente ao Goberno ten que ver co atentado ao patrimonio no Concello de Moaña onde un incendio provocado destruíu un estaleiro de ribeira que tiña un proxecto de rehabilitación e de recuperación e que xa albergaba unha intensa programación cultural”, indicou Pontón.

Para a dirixente do Bloque trátase “dun atentado terrorista, temos que dicilo así, contra o noso patrimonio, que xa recibiu unha rápida e contundente resposta por parte da veciñanza de Moaña que saíu a rúa para dicir non á violencia, non a ese atentado e si á recuperación do estaleiro, e queremos que no próximo pleno a Xunta se comprometa na recuperación dese espazo e contra a barbarie incendiaria”, salientou a portavoz nacionalista.

A pretensión do BNG con esta iniciativa parlamentaria é conseguir que a Xunta “se comprometa coa rehabilitación deste espazo, porque estamos ante un símbolo da cultura deste país e por iso agardamos que o Goberno galego tenda a man para poñer en marcha a recuperación deste estaleiro como reclama o concello e a maioría dos e das veciñas”, concluíu.

O estaleiro de carpintería de ribeira arrasado pola lapas provocadas estaba na parroquia de San Martiño e era un dos exemplos mellor conservados a nivel etnográfico e patrimoniais de Galiza no seu xénero. A propia Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, nunha resolución de decembro de 2016, propón a súa inclusión no catálogo do patrimonio cultural de Galiza.