Ana Pontón tilda de “canallada” a reforma da Lei de Saúde do PP

Esta reforma consolida os recortes e a privatización da sanidade pública
Publicado por o día 11/12/2017 na sección de BNG,Política

Ana Pontón tilda de “canallada” a reforma da Lei de Saúde do PP

O BNG anuncia que vai promover “unha fronte política e social” contra o proxecto de reforma da Lei de sanidade aprobado polo Goberno de Feijóo no pasado consello da Xunta, un texto que a portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “canallada” con efectos para a saúde das persoas.

“É unha bomba de reloxería na liña de flotación da sanidade pública”, criticou a dirixente do Bloque en relación a unha reforma coa que o PP “continúa coa axenda de recortes e privatizacións” demostrando que os populares non teñen reparos en botar man da “unilateralidade cando se trata de suprimir servizos que afondan no deterioro da sanidade pública e, por tanto, na saúde das persoas”.

Por iso, o BNG anuncia a súa posición en contra: “Imos promover unha fronte política e social contra este novo ataque á sanidade pública, porque o máis importante que teñen as persoas é a saúde, e Feijóo está primando os intereses privados por riba do dereito das persoas a unha sanidade de calidade, o que xa se traduce en listas de espera e peores servizos sanitarios”.

O proxecto de reforma da Lei de saúde implica a supresión das áreas sanitarias comarcais de Monforte, Valdeorras, A Mariña e O Salnés, a favor dun modelo “centralizado” en grandes centros hospitalarios que “afasta” a prestación do servizo das persoas, xusto o camiño contrario que se debería tomar e que, segundo o BNG, pasa por reforzar a atención primaria.

“Desde 2009 a atención primaria acumula un recorte superior aos 2.000 millóns de euros e hoxe dispón dun 15% menos de recursos, o que ten repercusións directas como o feito de que a maior parte dos e das usuarias non pode ter cita na súa médica de cabeceira ao día seguinte, e hai centros de saúde nos que a lista de espera supera a semana”, denunciou Pontón.

A reforma do PP “agrava o deterioro da sanidade pública e afonda no desmantelamento da atención privada e dos hospitais comarcais, que pasan a ser unha especie de apéndices dos grandes centros hospitalarios”, advertiu a deputada nacionalista, quen avanza que o BNG vai pedir a retirada dun proxecto de reforma que  “supón un paso máis na senda de recortes e privatizacións” que se plasman nos 2.000 profesionais sanitarios menos, no peche de 700 camas hospitalarias, na privatización de servizos ou no incremento dos repagamentos, enumerou.

Para o Bloque, o PP “legaliza” que non se podan prestar servizos sanitarios por alegando falta de medios primando os criterios económicos por riba dos da saúde das persoas, e cualifica de “sarcasmo” que a Xunta presente estes novos recortes, en concreto o peche de áreas sanitarias “como unha maneira de blindar os hospitais comarcais”. “É á mesma perversión da linguaxe que fai que a Lei mordaza a denominen lei de seguridade cidadán”, ironizou.

Pontón tamén chamou a atención sobre o feito de que o proxecto de reforma aprobado polo Executivo de Feijóo implica un recorte nos mecanismos de participación social, “que quedan atados de pes e mans porque será a Xunta quen decidirá a composición dos organismos de participación”.

“Pensamos que o único sensato que podería facer Feijóo con este proxecto de reforma é retiralo porque sacou a milleiros de persoas a rúa, e vai en contra dun modelo de atención sanitaria de calidade, con participación e orientado os e as usuarias e continúa na senda de recortes e privatizacións que nada bo teñen traído”, concluíu.

Involución do PP

A preguntas dos medios, a portavoz do BNG ironizou sobre as críticas do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy que a tildaba de facer unha oposición “antiga”. “Se o PP está molesto é que estamos acertando coa oposición que facemos ao PP e ao Goberno desde o Parlamento, o preocupante sería que Puy estivese contento ou felicitase ao BNG por estar de acordo coas nosas ideas e propostas”, salientou Pontón, quen advertiu contra a involución do partido do goberno, ademais de salientar que “o máis antigo é ser do PP”,

En relación ás “arelas de independencia” do BNG e as consecuencias “tráxicas” para Galiza, Pontón replicou que “a maior traxedia que temos é a ansia de dependencia do señor Núñez Feijóo que nos fixo perder un sistema de financiamento propio, retrasos no AVE, recortazos nos orzamentos do Estado, quedarmos fora da modernización do noso ferrocarril, etc. O que me parece unha traxedia para Galiza é ter un presidente servil a Madrid empeñado en manter un modelo de dependencia tóxico e letal para o noso país, que deixan quedar atrás a Galiza en temas fundamentais”.