Ángela Rodríguez: “O 26 de xuño votamos se queremos pasado ou futuro. Ou ben cambiamos o país ou quedamos atrás”

Publicado por o día 19/06/2016 na sección de Elecciones 26J,En Marea,Política

Ángela Rodríguez: “O 26 de xuño votamos se queremos pasado ou futuro. Ou ben cambiamos o país ou quedamos atrás”

 O Paseo da Calzada foi o escenario elixido para celebrar un acto de campaña de En Marea en Cambados. Ángela Rodríguez, número 2 da lista de En Marea ao Congreso lembrou que, segundo as enquisas, está en xogo que En Marea consiga un terceiro deputado pola provincia de Pontevedra, Josué Villar. Ángela Rodríguez afirmou que o 26 de xuño “votamos pasado ou futuro. Ou ben cambiamos o país ou nos quedamos atrás”. A candidata ao Congreso lembrou que as candidaturas do cambio “cumprimos e así o demostraron nos concellos de Santiago de Compostela e A Coruña, que acaban de aprobar unha renda municipal básica para os máis necesitados”.

Vanessa Angustia, candidata ao Senado, mostrouse convencida de que este 26 de xuño “saímos a gañar ao Partido Popular” para poder “mudar todas as políticas que non se están facendo para nós”. Afirmou que “queremos recuperar o Congreso e o Senado para a xente. E despois imos pola Xunta de Galicia, que tamén a podemos gañar”.  A candidata ao Senado animou a construír un goberno “entre todas e digamos que nunca máis unha persoa non poida vivir con dignidade dentro da súa casa”.

Juan Fajardo, deputado de AGE no Parlamento Galego, afirmou que queremos devolverlle a dignidade á educación pública e lembrou que en Galicia, mentres se destinan 4,5 millóns de euros “en colexios do Opus, que ademais segregan aos nenos por sexos, os centros públicos caen a cachos”.

Xurxo Charlín, concelleiro de Somos Cambados, asegurou que “o movemento do cambio foi sumando xente pouco a pouco”.

Elena Cores, concelleira de Gañemos Vilanova, recordou a figura de Gandhi, dicindo que as revolucións poden ser pacíficas. “Estamos demostrando que si se pode e que outra forma de xestión si é posible”, explicou.

Tino Cordal, concelleiro e voceiro de Somos Cambados, lembrou que 2015 foi un ano histórico porque, “despois de 28 anos de pseudodemocracia corrupta e mangante, conseguimos botalos do Concello”. Cordal explicou que en Cambados “tendémoslle a man ao Partido Socialista pero non queremos que eles utilicen a ambigüidade de xogar á dereita e á esquerda”.

Maribel Iglesias, historiadora e representante de Somos Cambados, dixo que hai que buscar “outras maneiras de facer política e xestionar as cousas para protexer os cidadáns”.