Ángela Rodríguez e José García Buitrón atenden as demandas da plataforma Salvemos Catasós ante outro brutal atentado ao medio ambiente favorecido polo PP

Publicado por o día 30/01/2016 na sección de Podemos,Política

Ángela Rodríguez e José García Buitrón atenden as demandas da plataforma Salvemos Catasós ante outro brutal atentado ao medio ambiente favorecido polo PP

A deputada e o senador de En Marea reuníronse este sábado con representantes deste colectivo que traballa pola defensa  da fraga das Casas Vellas, extensión do Monumento Natural da lalinense fraga de Catasós, ameazada pola construción dunha liña de alta tensión entre a capital do Deza e O Irixo.

A Xunta de Galicia, presidida por Alberto Núñez Feijóo, xunto ao anterior goberno local do PP de Lalín, favoreceu e autorizou o paso da liña, promovida por Gas Natural Fenosa, por esta zona que alberga preto de dúas mil árbores, moitas delas centenarias.

A xuntanza dos parlamentarios coa plataforma foi celebrada antes dun novo encontro cidadán da ruta de presentación da Lei 25 de Emerxencia Social, que este domingo chega a Ribeira e Foz.

A deputada no Congreso de En Marea, Ángela Rodríguez, e o senador de En Marea, José García Buitrón, reuníronse este sábado coa Plataforma Salvemos Catasós, un colectivo que traballa pola defensa da fraga das Casas Vellas, extensión do Monumento Natural da lalinense fraga de Catasós, ameazada pola construción dunha liña de alta tensión entre a capital do Deza e O Irixo. Os parlamentarios amosaron o seu interese polas demandas expostas polos representantes da plataforma ante outro brutal atentado ao medio ambiente favorecido polo Partido Popular.

Salvemos Catasós denuncia que a Xunta de Galicia, presidida por Alberto Núñez Feijóo, autorizou en 2014 a construción desta liña eléctrica de alta tensión entre O Irixo e Lalín, promovida por Gas Natural Fenosa, contando cos informes favorables do anterior goberno local do PP e do propio goberno galego, sen atender á protección que tanto a LOUG como o PXOM outorgan a unha paraxe que alberga preto de dúas mil árbores, moitas delas centenarias. Do mesmo xeito, tampouco foron escoitadas as alegacións de numerosos veciños e colectivos, que expoñían os graves prexuízos que supón para a saúde, o medio ambiente e o patrimonio arqueolóxico e natural a construción da liña. As propostas de trazado alternativo salvando a fraga das Casas Vellas tamén foron ignoradas.

Así, Ángela Rodríguez sinala que “estamos ante outro exemplo de como o PP pon as institucións ao servizo dos lobbies e toma decisións de costas á xente, sen escoitar ás persoas e colectivos afectados, e sen importarlle as consecuencias medioambientais, como ocorre coa prórroga a ENCE ou coa construción da A­57”. Pola súa banda, José García Buitrón, tras un encontro no que tamén estiveron presentes membros de Podemos Lalín, resaltou a importancia de seguir falando e traballando conxuntamente con colectivos como Salvemos Catasós porque “xa rematou o tempo no que as institucións non escoitaban á xente”.

Ruta Lei 25 de Emerxencia Social

A xuntanza de Ángela Rodríguez e José García Buitrón con Salvemos Catasós produciuse antes dun novo encontro cidadán en Lalín da ruta de presentación da Lei 25 de Emerxencia Social, na que a deputada e o senador están explicando en diferentes cidades e vilas galegas os detalles desta norma. Este domingo 31 haberá dúas novas citas, en Foz no Edificio Cenima ás 12:30 horas, e en Ribeira no Ateneo Valle Inclán ás 18:00 horas.

A proposición de lei está baseada no artigo 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e senta as bases para garantizar o dereito á vivenda, o rescate enerxético e o dereito á saúde. O obxectivo destas xuntanzas é dar a coñecer á cidadanía o contido da proposta lexislativa, que é o primeiro chanzo do Plan de Rescate Cidadá impulsado por Podemos e as forzas parlamentarias do cambio.

PRENSA PODEMOS VIGO