Ángela Rodríguez: “Porque non queremos máis xente tomando antidepresivos por situacións xeradas por Rajoy imos gañar o partido nesta segunda volta”

Publicado por o día 16/06/2016 na sección de Elecciones 26J,En Marea,Política

Ángela Rodríguez: “Porque non queremos máis xente tomando antidepresivos por situacións xeradas por Rajoy imos gañar o partido nesta segunda volta”

En Marea achegouse esta tarde a Ponteareas (Pontevedra) onde as candidatas e candidatos de En Marea animaron á cidadanía a seguir a apoiar a En Marea porque “nesta segunda volta imos gañar o partido”. A candidata ao Senado, Vanessa Angustia, comezou afirmando que “pasou o momento da resignación, chegou o tempo do sorriso porque imos conseguir cambiar este país e temos que saír todos os días con ese pensamento”. Na súa intervención puxo de manifesto o intenso traballo realizado por En Marea durante estes últimos meses “trasladando máis que nunca os interese de Galicia”. “Podemos e imos a gañar” asegurou.

Entre os retos que destacou para o futuro sinalou a necesidade de “poñer en valor as políticas sociais como políticas de Estado e pasa por ter políticas de emprego que dean á cidadanía unha vida digna. Recuperar o tecido produtivo, a xente que queira vivir do noso agro, da nosa gandería, do noso mar poda facelo. Pasa tamén por cambiar a linguaxe e pasar á linguaxe gañadora, e pensamento gañador”. “Temos que construír un goberno que diga nin unha soa persoa máis fora da súa casa, que dea a benvida ás refuxiadas, convivamos con elas. Teñamos un goberno que entenda que o 99% agredido deixe de selo. Un goberno que poña as persoas en primeiro lugar, é o que busca En Marea e o que conseguiremos o 26 de xuño” afirmou a candidata ao Senado. Así mesmo animou a tomar as institucións porque “a política é nosa, as institucións das que nos afastaron, son nosas.  Este contrapoder desde a rúa que necesitamos e que estamos a conseguir pouco a pouco cunha candidatura comprometida coa xente é En Marea, formada por todas e todos vós” concluíu.

A número 4 ao Congreso de En Marea, Lara Rodríguez, arrancou a súa intervención facendo mención a unha frase de Antón Reixa que aparecía hoxe nos medios de comunicación na que dicía que “os galegos somos xente pacífica pero tamén podemos molestar” e “por iso estamos aquí, porque queremos acabar coa política caciquil” destacou a candidata de En Marea. “Somos persoas que desde a base, desde o poder do pobo, somos capaces de cambiar as cousas. Xa o demostramos en Lalín,como concelleira de Lalín, onde fumos quen de loitar contra un goberno caciquil e totalmente déspota” destacou.  Así mesmo, asegurou que os candidatos e candidatas de En Marea si son coñecedores das necesidades reais da cidadanía, e son capaces de facer outra gobernar e xa o están a demostrar. “Ata agora vivimos unha situación cruel, sendo vítimas do sistema, e o síntoma máis evidente son as 220.000 persoas no paro. Estamos convencidos de que isto se pode cambiar pero para iso hai que cambiar á política, pensando na cidadanía que é a que sabe, a que necesita controlar o que sucede no panorama político, a que ten a voz e ten que falar” concluíu Lara Rodríguez.

O terceiro en falar foi o número 3 ao Congreso, Josué Villar, quen arrancou dicindo que “mentres mande o Ibex35,o Partido Popular ou a Igrexa, serán eles e elas quen nos digan como producir, de que xeito, lugares, pero tamén como temos que amar, bicar e de que xeito”. Falar de economía social, de cooperativismo, é o camiño que marca En Marea. “Neste país hai traballo que facer, outra cousa é que non haxa emprego pero están enfocando as políticas dun xeito errado” asegurou. Precisamos ferramentas para transformar o tecido produtivo e por iso a Banca pública é fundamental tal e como destacou Villar na súa intervención. “Arruínan os sistemas públicos e despois os critican. Cada vez é mais difícil de sacar adiante os servizos públicos a causa das privatizacións. Os cartos hainos pero están en Panamá, no fraude fiscal, na desigual fiscalidade e por iso é preciso mudar o sistema para recuperar os recursos para dedicar ao financiamento dos servizos sociais” subliñou. Rematou a súa intervención cunha mención a Unión Europea destacando que o importante non é falar de UE si ou non, senón que tipo de UE. “¿Quen querería estar nunha UE na que se rexeita as persoas como está a suceder?” preguntouse destacando que para En Marea non hai diferenzas entre as persoas e que En Marea non rexeita as persoas.

A responsable de xustiza social de Podemos Galicia, Ana Pérez, fixo referencia a súa experiencia como bolseira na Universidade, “algo que agora mesmo non podería ter de seguro”, lembrou cando foi empregada “e tiña un convenio que garantía os dereitos e salario digno”. Licenciada en Dereito e especializada en Urbanismo e falou da súa experiencia nas institucións na que atopou unicamente corrupción dentro dos concellos. “So coa ilusión e as gañas de cambiar as cousas o imos facer, agora imos a conquistar imos a por todas, xa vimos aprendidos” afirmou. “Falan do medo, ¿medo a qué? A ser máis pobres, a peores condicións… leváronnos tan abaixo que o que fixeron é que collemos impulso para subir cara arriba” rematou a responsable de política social de Podemos Galicia.

“Ter casa, capacidade de quentar a casa, comer tres veces ao día, cousas que pensamos normais pero que hoxe en día non temos. Son os motivos polos que estas compañeiras chegaron ao Congreso”, así comezou a súa intervención Eva Solla, vicevoceira de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia.  Os 18.000 desafiuzamentos para os que a Xunta de Galicia unicamente foi quen de atopar solución a 45 deles, ou a pobreza infantil que nos menores de 16 por cento incrementouse nun 46 por cento e entre maiores de 16 a 24 anos incrementouse nun 60 por cento, segundo datos do Consello Económico Social (CES), foron algúns dos temas destacados pola deputada de AGE no Parlamento galego.

“O PP axita o medo contra nós porque xa somos segunda forza. Ameazan con que ese presunto crecemento económico se pon en perigo, pero os que estamos aquí non observamos nin unha soa mellora nas nosas vidas, os nosos mozos e mozas seguen tendo que emigrar e deixar o noso país. E o emprego que se crea non é desde logo emprego de calidade, o 13 por cento da clase traballadora é pobre a día de hoxe” defendeu Eva Solla. “Sentímonos estafadas, para o único que serviu foi para engordar o sistema capitalista e renovalo. Agora si podemos afirmar claramente que isto non foi unha crise senón unha estafa” denunciou. Por todo isto, animou á cidadanía a seguir a apoiar a En Marea porque “desta vez necesitamos ser moitas máis, e estou segura de que Josúe estará tamén no Congreso pero temos tamén que traballar pola cuarta”. Nós si traballamos pola vida, pola saúde, pola dependencia, porque non aceptamos un pais no que os nenos e nenas maréense cando chegan a escola por non poder almorzar” concluíu.

A número 2 ao Congreso de En Marea, Ángela Rodríguez,  relatou unha experiencia persoal vivida recentemente coa súa médica de cabeceira no Sergas que foi votante socialista toda a súa vida pero que desta vez non tiña pensado votar ao PSOE senón votar ao cambio, votar a En Marea, e os motivos que daba eran sinxelos “estaba farta de receitar antidepresivos para poder levar situacións de paro, de angustia de non poder máis”.  “Isto é moi significativo do que está a facer, moita xente vai cambiar de voto. Desta volta non pode quedar ninguén atrás” asegurou Ángela Rodríguez.

“Tedes que imaxinar esta segunda volta como un partido de Eurocopa no que temos posibilidades reais de gañar o partido. En primeiro lugar porque coñecemos o noso equipo. Nós sabemos quen somos que temos un código ético que cumprimos e que pensamos na xente, persoas normais que vimos da rúa, somos vós. En segundo lugar porque xogamos na casa, o panorama político non vai ser o mesmo. Antes non se fala de corrupción, de transparencia, o campo político é o noso foi decidido por nós. E  por último porque sabemos o que pasa cando gañan eles. 48.000 millóns de euros na corrupción, deles 500 millóns de euros na Púnica o que serviría para pagar 500.000 ingresos hospitalarios” declarou a número 2 ao Congreso por Pontevedra.

“A alternativa xa se está poñendo en práctica coas Mareas municipalistas. Agora En Marea será a que consiga facer un país para o 99 por cento. Hai Marea” pechou o acto en Ponteareas Ángela Rodríguez.