Ángeles Vázquez adianta que a nova Lei de pesca propiciará medidas e ferramentas para garantir o relevo xeneracional

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o Goberno galego traballa nunha nova normativa para adaptar á realidade actual unha norma que conta cunha vixencia de máis de dúas décadas
Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez adianta que a nova Lei de pesca propiciará medidas e ferramentas para garantir o relevo xeneracional

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou onte a mañá que a nova Lei de pesca, na que está a traballar o Goberno galego, promoverá e propiciará medidas e ferramentas para garantir o relevo xeneracional.

Vázquez Mejuto recordou que o seu departamento está a traballar, da man do colectivos dos pescadores, no documento da nova Lei de pesca, co fin de actualizar unha normativa que data de 1992, é dicir, que conta cunha vixencia de máis de dúas décadas e na que hai aspectos que é preciso adaptar aos novos tempos.

Adiantou que recentemente se pechou o trámite de consulta pública previa, período no que colectivos e cidadáns puideron trasladar as súas primeiras impresións e suxestións. Indicou que se seguirá a avanzar na redacción do texto, escoitando aos diferentes colectivos, federacións, asociacións, universidade…. e no momento no que se dispoña do anteproxecto de lei, iniciarase o trámite de participación pública, para que todos os interesados presenten as alegacións que consideren, co fin de enriquecer este texto e acadar unha norma o máis consensuada posible.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá o Couto de pesca de Baio, con motivo do inicio da tempada de pesca fluvial en Galicia, onde destacou o traballo que o Goberno galego, xunto coa Federación galega de pesca e casting e das entidades colaboradoras, leva a cabo para facer que medre o número de licencias de pescas deportiva, coa finalidade de asegurar o relevo xeracional.

Sinalou que un 90% das entidades, un total de 66 e que asocian a máis de 9.000 pescadores, xa teñen asinados un novo convenio de colaboración para traballar a prol deste obxectivo; así como polo coidado dos recursos e das especies piscícolas, é dicir, dunha pesca sustentable.

Vázquez Mejuto destacou que co inicio da tempada de pesca, que se prolongará ata o 31 de xullo, permite á comunidade de pescadores practicar esta modalidade deportiva en máis de 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros. As novidades desta tempada céntranse na creación de tres novos coutos sen morte: dous en Lugo, no tramo 2 do couto de Frollais e couto de Becerreá, e outro en Pontevedra, en Bora; no incremento da oferta de tramos libres de pesca sen morte e na creación de dúas novas zonas de adestramento no río Miño, unha Lugo e outra en Ourense.