Ángeles Vázquez destaca a fixación da poboación no rural como un dos grandes obxectivos da Xunta para esta lexislatura

A conselleira explicou no Parlamento as liñas estratéxicas de actuación do seu departamento, centradas no crecemento económico e a mellora da calidade de vida, sempre con criterios de protección ambiental
Publicado por o día 21/03/2017 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez destaca a fixación da poboación no rural como un dos grandes obxectivos da Xunta para esta lexislatura

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, explicou esta mañá no Parlamento as liñas estratéxicas de actuación do seu departamento para esta lexislatura, que conflúen no obxectivo global de fixar poboación no agro. Segundo dixo, trátase de promover iniciativas que xeren crecemento económico e melloren a calidade de vida, tendo sempre en conta criterios de protección ambiental.

Neste contexto, a conselleira incidiu na necesidade de fomentar producións que permitan obter unha renda digna como atractivo para saír da contorna urbana e á vez conservar o autoconsumo como sinal identitaria de todas e cada unha das familias que teñen como residencia o rural.

Ángeles Vázquez sinalou que dende a Xunta impúlsanse actuacións cara á dinamización diversificada da economía nas áreas rurais, co fin de procurar a cohesión territorial, mantendo a poboación e apoiar, ao tempo, as actividades socioeconómicas no agro a través de recursos endóxenos e promovendo novos modelos de negocio. Tamén perséguese un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais e crear e conservar emprego.

Oportunidades

Para acadar todos estes obxectivos, pártese –tal e como indicou a conselleira– dunha serie de oportunidades, como son as novas demandas xeradas pola evolución dos hábitos de consumo, o desenvolvemento de modelos de pequenas explotacións ou a súa diversificación económica para acadar unha renda complementaria, as melloras e innovacións dos métodos de produción ou o fomento das cadeas curtas de distribución ou mercados locais. En relación con estas últimas, a titular de Medio Rural marcouse como obxectivo crear 25 mercados locais nos vindeiros catro anos, fomentando a cooperación entre pequenos produtores, cun único intermediario entre produtor e consumidor.

Outro anuncio destacado na intervención da conselleira, relacionado coa posta en valor do monte, ten que ver coa revisión do Plan Forestal. Así, Ángeles Vázquez sinalou que o vindeiro 30 de xuño deste ano estará pechado un primeiro documento de actualización avaliado polo Consello Forestal e que, previo informe ao Consello da Xunta, iniciará o seu trámite de información pública. Salientou ademais que este anuncio coincide coa celebración, hoxe, do Día Forestal Mundial, unha xornada que sirve para lembrar o carácter estratéxico que o monte ten para a Xunta. Nesta liña, a conselleira dixo que o seu obxectivo é desenvolver 150 proxectos a través de axudas para a utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía que se correspondan co seu primeiro tratamento, e tamén para investir en equipos e instalacións móbiles de procesamento da madeira que estean deseñadas para poder desprazarase ás inmediacións das áreas de corte.

Reestruturación da terra

En relación coa reestruturación da terra agraria e o impulso ás infraestruturas no rural, Ángeles Vázquez advertiu que está previsto investir nuns 650 quilómetros de camiños nos vindeiros dous anos, tendo como meta non só rematar os 130 procesos abertos ao fin da lexislatura, senón tamén acometer unha media de 5.000 hectáreas anuais de novos procesos.

Neste sentido, a titular de Medio Rural destacou que o seu departamento conta con dous novos instrumentos para ampliar a base territorial das explotacións. Por un lado, o Mecanismo Agrario de Reestruturación Comunitaria de Superficie (Marcos), un sistema áxil de arrendamento de fincas non utilizadas. Por outro, a Unidade de Asesoramento e Xestión de Explotacións Agrarias (Uaxe), como intermediadora entre os que pechan a súa explotación e os que buscan no rural un medio de vida.

Ángeles Vázquez falou tamén do Leader e salientou que de aquí a 2020 financiaranse ao abeiro deste programa arredor de 1.500 proxectos, coa creación duns 600 empregos. Incidiu ademais na aplicación da innovación no agro, coa creación de 108 grupos innovadores, o fomento de 100 proxectos piloto e axudas para actividades de demostración e información, entre elas o desenvolvemento dun paquete de intercambio de visitas a explotacións doutros países da Unión Europea, estando previsto organizar 350 Erasmus agrarios nos vindeiros catro anos.

Agricultura sustentable

Na súa intervención, a conselleira fixo especial fincapé no fomento dunha agricultura sostible e na defensa de prácticas como a agricultura ecolóxica, así como o impulso á actividade agraria nas zonas rurais con limitacións naturais. No eido da transformación e comercialización, lembrou que o obxectivo da Xunta é desenvolver 655 proxectos ata 2020 e que só para este ano xa se presentaron 185 proxectos, cun investimento previsto de máis de 128 millóns de euros.

Anunciou ademais a titular de Medio Rural que o seu departamento seguirá a promover a remuda xeracional no agro, así como na mellora das explotacións e o impulso ás de pequeno tamaño, cun investimento total de 65 millóns de euros.

Outros eidos abordados pola conselleira foron as axudas da PAC, a sanidade animal e vexetal ou a loita contra problemas como os que representan a vespa velutina ou a couza da pataca, así como fronte outras enfermidades que afectan ao sector forestal. Rematou a súa intervención detallando o Plan de ordenación de grandes áreas de pastos en extensivo, que chegará a diferentes montes da comunidade, e lembrando os esforzos en materia de loita contra os incendios forestais, así como a prol da produción de castaña, entre outros aproveitamentos forestais.